[20-09-2017] O obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión II” comezou hoxe, 20 de setembro, no edificio de usos múltiples de Aldea Nova. O obradoiro, que terá unha duración de 6 meses, contará coa participación de 15 alumnas e alumnos traballadores que estarán guiados, ao longo destes meses, por catro persoas (o director do obradoiro, un mestre, un orientador e un auxiliar administrativo). Ao comezo desta primeira sesión, estiveron presentes o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, acompañados polo alcalde de Brión, José Luís García, e máis polos axentes de Desenvolvemento Local de ambos os Concellos.
Este mércores, 20 de setembro, botou a andar a segunda edición do obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión” que, este ano, está centrado na formación na especialidade de montaxe e mantemento de instalacións caloríficas. O obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, polo que todas as súas participantes son persoas menores de 30 anos, inscritas previamente no mesmo e apuntadas como interesadas en participar nestes obradoiros de emprego.
Nesta primeira sesión, Isabel González, concelleira de Promoción Económica quixo agradecer o traballo realizado polo técnico e a técnica de Desenvolvemento Económico de Ames e Brión, sen o cal a realización deste obradoiro non sería posible. De igual maneira, Isabel González, tamén aproveitou a ocasión para animar ao alumando traballador e desexarlle sorte de cara ao seu futuro laboral: “ Gustaríame dicirlle ao alumando que o aproveiten, que é unha oportunidade de formación, ao mesmo tempo cun contrato de traballo, o que implica dereitos pero tamén unhas obrigas pola súa parte. Desexamos e esperamos que sexa de grande axuda para o seu futuro laboral e que, ao remate, algunhas e algúns deles, como xa aconteceu no obradoiro do ano pasado, poidan saír cun contrato de emprego”.
Na mesma liña se expresaron os alcaldes de Ames e Brión, que manifestaron a súa vontade de que o alumnado traballador aproveitase esta oportunidade tanto de formación como laboral, que os dous Concellos están a levar a cabo conxuntamente. O alcalde de Ames, José Miñones, destacou, asemade, que “esperaba que o programa Integrado tamén se puidera pór en marcha pronto”.
A segunda edición do “RenovAmes-Brión” desenvolverase ao longo de 6 meses, nos que se instalarán equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais socias de Ameixenda, Cruxeiras e Firmistáns, en Ames, e na escola infantil dos Ánxeles e na escola rural de Luaña, en Brión. O obxectivo deste obradoiro, que se caracteriza por ser un programa mixto de emprego e formación, é o de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas. Por este motivo, as 15 persoas participantes (12 de Ames e 3 de Brión) estarán, durante estes meses, contratadas baixo a modalidade dun contrato de formación e aprendizaxe.
O obradoiro tamén contará cun equipo de persoas que o dirixirán e que serán o seu director, un mestre, un orientador e un auxiliar administrativo. O programa “RenovAmes-Brión”, que está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo Fondo Social Europeo, é promovido polo Concello de Ames en colaboración co Concello de Brión. Isabel González destacou, ao fin da súa intervención, a importancia desta colaboración entre os dous Concellos: “Cremos que é importante compartir servizos, cremos que este ten que ser o camiño e, nese camiño, seguiremos traballando”.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Arranca el RenovAmes-Brión para la mejora energética con 15 alumnos"




