[30-09-2015] A oferta teatral que ofrece o Concello de Ames para o último trimestre deste ano comeza este venres, 2 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa representación da peza de teatro Da Vinci tiña razón, que será representada pola compañía Producións Teatrais Excéntricas. Trátase dun espectáculo para facer rir que non deixará a ninguén indiferente. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 2 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. Durante os meses de outubro, novembro e decembro haberá unha decena de espectáculos teatrais tanto profesionais como afeccionado.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “na programación teatral que se programou para o último trimestre deste ano recóllense espectáculos para todos os públicos. Hai teatro de monicreques e espectáculos para os bebés, así como obras de teatro profesional. Ademais, este ano chegamos a décima edición da mostra de teatro afeccionado, na cal van actuar tres grupos; un de Ames e os outros dous de concellos veciños como son Negreira e Santa Comba”.
O mes de outubro comeza cunha intensa programación teatral en Ames. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 2 de outubro, ás 21:00 horas, a primeira das actividades teatrais programadas para este último trimestre. Trátase da obra de teatro Da Vinci tiña razón da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Nestes tempos que corren de pesimismo este é un espectáculo para facer rir que non deixará a ninguén indiferente.
É unha obra que imita, para mofarse, a forma da comedia burguesa de sofás e moble-bar. Todo acontece nunha luxosa casa de casa campo clónica inscrita nunha urbanización de nivel alto. Ao dono parece que lle vai ben na vida: é alto funcionario do estado, e recibe a visita de fin de semana do seu máis estreito colaborador, un trepa que ven para mostrar a súa nova esposa, un símbolo de status económico. Os quiméricos inquilinos complétanse co fillo dos propietarios, grande demais para que lle muden os cueiros, e unha aupair sueca que non lle importa facerllo.
A programación teatral continúa o vindeiro venres, 16 de outubro, coa representación da obra Perplexo da compañía Ilmaquinario Teatro. Este espectáculo, que está dirixido ao público infantil e adulto, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Para o venres 30 de outubro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, está programada a peza O Furancho, que chegará a Ames da man da compañía Ibuprofeno Teatro.
X Mostra de teatro afeccionado
O mes de novembro comezará con teatro afeccionado. A Escola municipal de teatro de Negreira representará na Casa da Cultura do Milladoiro a peza O mundo está tolo e ti ségueste duchando. A mostra continuará o venres 13, na Casa da Cultura de Bertamiráns, co espectáculo O Ollo que todo o ve. Esta obra será representada pola Escola municipal de Teatro do Concello de Santa Comba (The puntillas teatro). Para pechar esta mostra de teatro afeccionado, o venres 27, actuará o Grupo municipal de teatro de Ames, que porá en escena a peza A Voda.
O venres 13 de novembro tamén haberá teatro para bebés na Casa da Cultura do Milladoiro. A compañía Babaluva fará dous pases do espectáculo A alfombra máxica. A primeira sesión será ás 17:30 h e a segunda ás 18:30 horas. Esta actividade está dirixida para bebés de ata 3 anos. En cada sesión poderán participar 15 bebés e os acompañantes.
Programa teatral para decembro
A semana de Nadal comezará cunha intensa programación teatral. O luns 21 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, a compañía Trompicallo representará o obra Rumpelstikin, o anano saltarín, que está dirixida ao público infantil. O día seguinte, o martes 22, continuará o teatro profesional na Casa da Cultura de Bertamiráns, da man da compañía Caramuxo Teatro, que porá en escena a obra FEO! Por último, o mércores 23, haberá teatro de monicreques na Casa da Cultura do Milladoiro, a cargo da compañía Eme2 emoción & arte, que representará a obra Jim e a illa do tesouro.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Cultura programa una decena de obras de teatro"
La Voz de Galicia: "Bertamiráns acoge mañana la obra «Da Vinci tiña razón»"




