[28-01-2014] A oferta teatral que ofrece o Concello de Ames para o 2014 comeza este venres, 31 de xaneiro, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa representación da peza de teatro "Misión Sapiens", que será representada pola compañía Malasombra Producións. Trátase dunha comedia de autoaxuda que en menos de dúas horas transformará ao espectador nun ser humano culto, educado e capaz de manter unha conversa sobre calquera tema sen quedar como un burro. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 31 de xaneiro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
Este venres, 31 de xaneiro, volve o teatro profesional ao concello de Ames da man da compañía Malasombra Producións, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns a peza teatral "Misión Sapiens". A cita teatral será ás 21:00 horas. "Misión Sapiens" é un espectáculo de autoaxuda que en menos de dúas horas transformará ao espectador nun ser humano culto, educado e capaz de manter unha conversa sobre calquera tema sen quedar como un burro. Cinco grandes eruditos de diversos campos intentarán meter coñecementos dentro da cabeza de cada espectador. Coñecementos básicos de cultura xeral, comportamento e educación, música, libros, películas, deportes, viaxes, etc. Trátase dunha comedía interpretada por Luis Iglesia, Marcos Orsi, Xabier Deive, Jouse García e Xoque Carbajal.
A compañía Malasombra Producións S.L. foi fundada no ano 2002 polo actor Xoque Carbajal e naceu coma unha pequena compañía de teatro que dou os seus primeiros pasos polas rúas de Compostela. Hoxe, case unha década despois, están afianzados nun proxecto empresarial que non só xera cultura e ilusión, senón tamén postos de traballo, converténdose nunha empresa sólida de produción e distribución teatral. Os seus últimos espectáculos, "Non é tan fácil", "O día do pai", e "GO ON!" atópanse entre os máis programados de Galicia.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 31 de xaneiro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.




