[10-04-2012] O Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña, o Bertamiráns FC, o Milladoiro SD e a empresa VV Xestión de Actividades, organizou as primeiras xornadas de formación de técnicos de fútbol base. Este curso está dirixido a monitores/as e adestradores/as de fútbol base e de fútbol afeccionado. As xornadas foron inauguradas polo concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e polo director deportivo do Bertamiráns FC, Manuel Aller “Leví”, que impartiu unha charla sobre os principios técnicos ofensivos e defensivos do fútbol. Este curso, que conta con 51 persoas inscritas, desenvolverase todos os luns dos meses de abril e maio ata o 14 de maio, no edificio de usos múltiples de Aldea Nova (aula 6), en horario de 20:00 h a 22:30 horas. Todos/as os asistentes recibirán un diploma acreditativo de asistencia.
O goberno municipal aposta polo deporte como vía para desenvolver unha vida saudable sen malos hábitos e para formar as persoas en valores tan importantes como poden ser a deportividade, o respecto e a tolerancia. Ademais, dende o Concello de Ames considérase que é fundamental fomentar o deporte de base e contar con profesionais formados para que desenvolvan a súa actividade do mellor xeito posible. Por iso, a Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, en colaboración coa Deputación da Coruña, o Bertamiráns FC, o Milladoiro SD e a empresa VV Xestión de Actividades, están desenvolvendo unhas xornadas de formación dirixidas a monitores/as e adestradores/as de fútbol base e de fútbol afeccionado.
As xornadas foron inauguradas polo concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e polo director deportivo do Bertamiráns FC, Manuel Aller “Leví”, que impartiu unha charla sobre os principios técnicos ofensivos e defensivos do fútbol. O propio Manuel Ferreiro foi o encargado de facer unha breve presentación das xornadas para despois darlle paso a Manuel Aller “Leví”. O concelleiro de Deportes destacou que “estas xornadas espertaron o interese de adestradores e monitores xa que se cubriron todas as prazas ofertadas, polo que se pode falar dun gran éxito de participación nestas primeiras xornadas de formación de técnicos de fútbol”.
Contidos do curso
As xornadas desenvolveranse todos os luns dos meses de abril e maio ata o 14 de maio, no edificio de usos múltiples de Aldea Nova (aula 6), en horario de 20:00 h a 22:30 horas. Todos/as os asistentes recibirán un diploma acreditativo de asistencia.
O curso comezou este luns 9 de abril coa charla impartida por Manuel Aller “Levi” sobre os principios técnicos ofensivos e defensivos do fútbol. Posteriormente, entre o 23 e o 30 de abril abordaranse os principios tácticos ofensivos e defensivos do fútbol. Este tema será impartido por Javier Martínez Touriño, adestrador do Bertamiráns FC.
O 7 de maio abordarse a preparación física. Para tratar este tema contarase coa presencia de Juan Manuel Vegas, preparador físico e xerente da empresa VV Xestión de Actividades, que explicará as principais cuestións para previr lesións. Tamén intervirá Gonzalo Mella, adestrador das categorías inferiores do Bertamiráns FC, que falará da planificación que hai que seguir a longo prazo na preparación física.
Un semana despois, o 14 de maio, pecharase o curso. Esta última xornada comezará ás 20:00 horas cunha charla de Rosana Martínez, nutricionista municipal do Concello de Ames, que se encargará de falar sobre a nutrición durante a competición. Unha hora máis tarde, as 21:00 horas, trataranse as regras do xogo. E para clausurar o curso, a partir das 10:00 horas, os/as participantes recibirán a visita de Andrés Túnez, xogador do Real Club Celta de Vigo. Os adestradores/as e monitores/as que participen nestas xornadas poderán preguntarlle o que desexen a Andrés Túñez.




