Pestanas principais

Comeza por cuarto ano consecutivo a acción solidaria “Zocos e Trasnos”

Luns, 04 de novembro de 2019

Coa proximidade do Nadal, arranca a acción solidaria “Zocos e Trasnos”, desenvolvida este ano pola Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, dependente da Concellería de Benestar Social. O obxectivo desta iniciativa é que ningún neno/a de Ames quede sen agasallo nestas festas, para elo necesitamos trasnos, persoas voluntarias que queiran achegar un agasallo de Reis a unha nena ou neno do noso Concello.

A campaña contará con tres piares fundamentais. Por unha banda os zocos, que son crianzas de 0 a 12 anos que forman parte de familias que non están atravesando un bo momento economicamente; xunto cos trasnos, axudantes dos Reis Magos de Oriente e motores do proxecto. Centos de crianzas foron beneficiarios deste proxecto nas súas edicións anteriores.

A oficina de Voluntariado será a encargada de recoller as cartas de todos os zocos aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, serán enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno a través dun código de identificación preservando o anonimato de todas as crianzas.

Cada trasno deberá escoller algo do solicitado na carta , que non poderá superar os trinta euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco e facelo chegar a un dos Puntos Trasno. Compre recalcar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os zocos poidan desfrutar do seu agasallo debaixo da árbore na mañá de Reis.

Este ano ademais do agasallo que pidan nas súas cartas, cada zoco recibirá un libro de lectura, segundo a súa idade, seguindo as recomendacións das nosas Bibliotecas Municipais.

Como converterse en trasno?
Todo o mundo pode facelo, ca única condición de comprometerse coa causa e sobre todo, cos zocos. Para rexistrarse como trasno pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (departamento de Educación familiar), a través dun correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou de maneira presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames busca trasgos para este Nadal"

cartel zocos e trasnos