[23-10-2018] Este luns, 22 de outubro, comezaron os espectáculos de maxia nos centros escolares de Ames. Estas actividades enmárcanse dentro do XIII Festival de Maxia, que se desenvolverá ata o próximo 28 de outubro. A partir do venres celebraranse varios espectáculos e obradoiros, así como tres pases da gala máxica internacional aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Para o pase do domingo 28 no Milladoiro, só quedan o 10% das entradas, que poderán adquirirse na billeteira unha hora antes do evento. Para acudir ao resto de sesións ou espectáculos, os convites aínda poden mercarse a través da billeteira electrónica.


A principal actividade do XIII Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional, da que se realizarán tres pases. Esta gala, presentada por Dani Polo, contará coa participación da maga Gisell e os magos Edgard, Darío Proximity, David Díaz e Samuel Pons.
Así, o sábado, celebraranse dúas funcións da gala na Casa da Cultura de Bertamiráns, a primeira ás 18.30h, para a que só quedan 27 entradas, e a segunda ás 20.30 horas, para a que quedan 60 entradas por vender. O domingo realizarase unha función na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18.30 horas. Para esta última sesión só quedan o 10% das entradas, que só poderán mercarse a partir das 17.30h do domingo na billeteira da propia Casa da Cultura.
As entradas para asistir á Gala Internacional de Maxia, así como aos espectáculos de maxia infantil, pódense mercar na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través dun banner situado na portada da páxina web municipal ou, de maneira presencial, nas Casas da Cultura. A entrada ten un custo de 2 euros para maiores de 18 anos e a metade para menores. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal
Pola súa banda, o Mago Antón tamén participará o sábado neste festival co seu espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos”, que representará en Ames o sábado. Pola mañá, realizará tres sesións na praza de Chavián de Bertamiráns (ás 11.00, ás 12.00 e ás 13.00 horas), mentres que pola tarde actuará no aparcadoiro de Travesía do Porto, no Milladoiro, ás 18.00, ás 19.00 e, por último, ás 20.00 horas.
O aforo máximo será de 70 persoas por sesión, polo que para acudir é necesario recoller os convites nas Casas da Cultura ata o venres 26 de outubro, en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Outra das actividades que repiten este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. Así, o sábado 27, o mago Roberto Lolo impartirá un taller na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11.00 a 12.30. O domingo, en cambio, o obradoiro impartirase no mesmo horario na Casa da Cultura do Milladoiro, e correrá a cargo de Pedro Bugarín.
Para estes talleres, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, ofértanse un total de 50 prazas (25 por día). Para participar é necesario inscribirse chamando ao número de teléfono 981 535 940, dende o día 22 ata o 26 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para estas actividades aínda quedan prazas libres.
Coa chegada do outono, chega tamén a Ames o seu xa tradicional Festival de Maxia. Este ano, a programación comeza coa realización de distintos espectáculos de pequeno formato polos centros de ensino do concello, que se levan a cabo entre os días 22 e 26 de outubro. Deste xeito, todas as nenas e nenos que cursan dende infantil ata 2º da ESO poden gozar das actuacións cargadas de maxia e sorpresas de Roberto Lolo e Pedro Bugarín.
Así, as demostracións máxicas comezaron este luns no CEIP Maía en horario de 09.30 a 13.50h, onde se realizaron catro sesións ás que acudiron un total de 615 alumnos/as de infantil e primaria do centro. Por outra banda, hoxe, 23 de outubro, Roberto Lolo está no IES de Bertamiráns, onde 272 rapaces/as de 1º e 2º da ESO desfrutarán das súas actuacións, mentres que Pedro Bugarín actúa no CEP Ventin ante 604 alumnos de 1º a 6º de primaria.
En canto ao mércores, as 344 nenas e nenos da escola de educación infantil O Milladoiro e das escolas unitarias da Tarroeira e de Covas acudirán ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para gozar destas pequenas actuacións. O xoves, pola súa parte, Roberto Lolo estará no Colexio Alca para actuar fronte a 228 alumnos/as, que cursan de infantil a 6º de primaria; mentres que Pedro Bugarín actuará fronte aos 275 alumnos do CEIP Barouta. Este mesmo mago será o encargado de actuar o venres no CEIP Agro do Muíño, ante os 493 nenos e nenas do centro, mentres que Roberto Lolo levará o seu espectáculo ao IES do Milladoiro.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Comeza o XIII Festival de Maxia de Ames"




