[17-01-2012] O IES de Ames pon en marcha mañá un novo ciclo de conferencias didácticas, que este ano se centrarán na temática da creatividade. Baixo o título A voltas coa creatividade os profesores e profesoras desde centro de ensino impartirán doce charlas abordando esta temática dende diferentes puntos de vista. A primeira charla, que leva por título Todos/as podemos ser creativos.... queres?, será impartida por Renata Otero, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O Concello colabora con esta actividade do Instituto de Ames cedendo as instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns para as conferencias ás que está convidada toda a comunidade educativa e a veciñanza de Ames e que terán lugar os mércores ás seis e media da tarde.
"Ciencia: causalidade e casualidade", "Como se fan as matemáticas: Pascal e Turing", "Consciencia e física cuántica", "Creadores de mapas na época dos descubrimentos" ou "Arquitectura popular versus arquitectura moderna" son algúns dos títulos das charlas que os profesores e profesoras do IES de Ames ofrecerán ao longo deste curso dentro do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria que organiza o departamento de Filosofía e que este ano leva como título xenérico A voltas coa creatividade. O ciclo comeza mañá ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Nesta edición realizaranse un total de doce conferencias, que se impartirán cada mércores ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A primeira charla deste curso, que será impartida pola profesora Renata Otero, titúlase Todos/as podemos ser creativos.... queres? Precisamente, Renata Otero, foi a profesora que propuxo o tema da creatividade para que centrase o ciclo de conferencias deste curso. Anxo Sampedro, profesor de filosofía, e un dos creadores deste programa de conferencias, destaca a boa acollida desta iniciativa que xurdiu hai seis anos e que segue adiante debido á implicación dos profesores do IES de Ames.
É o sexto ano que o departamento de Filosofía do IES, dirixido polo profesor Anxo Sampedro, organiza un ciclo temático no que implica á maior parte dos profesores e profesoras do Instituto de Ames e de cuxas reflexións se beneficia toda a comunidade educativa. Non é a primeira vez pois que as familias dos alumnos e das alumnas, o propio alumnado e profesorado e a veciñanza de Ames asiste a un ciclo de exposicións complementarias como este. Nas edicións anteriores os temas sobre os que se traballou desde os distintos departamentos do Instituto foron os gregos, a ciencia, a auga, o amor e as viaxes. Este ano, profesores e profesoras de distintas disciplinas traballarán sobre a creatividade.
Programa de conferencias
As conferencias terán lugar os mércores ás seis e media da tarde, agás aqueles que coincidan con períodos de vacacións ou épocas fortes de avaliacións. O Concello cede as instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns para desenvolver o ciclo que continuará o mércores 25 de xaneiro coa conferencia "Ciencia: causalidade e casualidade" a cargo do profesor Suso Fidalgo. Para o 1 de febreiro, José Alberto Berriochoa ten previsto expoñer a conferencia "Como se fan as matemáticas: Pascal e Turing". A quenda será a continuación para o profesor Antonio Vázquez, que o día 8 de febreiro abordará a relación que hai entre a consciencia e a física cuántica. "Creadores de mapas na época dos descubrimentos" é o título da exposición da profesora Pilar Tobar que terá lugar o 15 de febreiro. O 29 de febreiro, Rosa M. Ferreiro falará de "Arquitectura popular versus arquitectura moderna".
Lucinda Sousa inaugurará o mes de marzo, o día14, impartindo a conferencia "As forzas creativas da lingua inglesa". Xa no mes de abril, o día 11, Federico Bouza ofrecerá a charla ¡Socorro: son creativo!. Para o día 18 do mesmo mes está previsto que o profesor Fernando Sainz ofreza a conferencia "A creatividade do creador na pintura". O mércores 25, Anxo Sampedro, director do departamento de Filosofía e alma máter na creación do ciclo falará de "Entre o apolíneo e o dionisíaco".
En maio, o día 9, Sonia Rohrer exporá a charla "Excéntricos e orixinais" e o día 23 Margarita Olivar dirixirá unha sesión de lecturas estimulantes na Biblioteca do IES de Ames. Nesta última xornada realizarase unha exposición comentada de libros. Esta última sesión do ciclo incluirá, como xa ven sendo tradicional, unha degustación culinaria que leva por nome "Creando sabores".
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Comeza o VI ciclo de conferencias de formación complementaria do IES de Ames"




