[31-01-2018] Este mércores, 31 de xaneiro, comezou o taller para deixar de fumar con 13 persoas participantes. Impartido pola psicóloga da Asociación Española Contra o Cantro (AECC), Aroa Gutiérrez Martín, nel ofreceranse un conxunto de estratexias dirixidas a romper co consumo de tabaco. O taller desenvolverase ata o 7 de marzo, os mércores, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 16:00h a 17:00 horas. A iniciativa conta cun éxito taxado no 60%.
Ao longo de seis sesións, o taller porá a disposición das persoas asistentes unha serie de estratexias dirixidas a deixar o tabaco, facendo fincapé no feito de que fumar é unha conduta aprendida e que, polo tanto, pode ser controlada e modificada. A psicóloga da AECC, Aroa Gutiérrez, será a encargada de guiar ás 13 persoas participantes cara o obxectivo final. O taller, que rematará o 7 de marzo, desenvolverase os mércores, de 16:00h a 17:00 horas, no Pazo da Peregrina. Unha vez finalizado, realizaranse tres sesións máis de seguimento, aos 3, 6 e 12 meses.
O taller para deixar de fumar comezou coa realización dunha avaliación persoal vinculada ao consumo de tabaco de cada participante. Desde ese momento, cada persoa deberá reducir, semanalmente, nun 30% o número de cigarros que fuma ata alcanzar o Día D de consumo cero. Ao longo destas sesións, abordaranse estratexias para combater os síntomas de dependencia, que se poden exteriorizar en forma de ansiedade ou en estados anímicos baixos. As dúas últimas sesións estarán enfocadas á prevención de recaídas, detectando as situacións nas que estas se poden producir e estudando as diferentes estratexias a adoptar.
A inscrición no taller foi gratuíta, porén as persoas participantes tiveron que facer un depósito de 60 euros á AECC. O diñeiro será devolto unha vez comprobada a asistencia das persoas inscritas á totalidade das sesións. O programa seguido neste taller, organizado pola AECC en colaboración co Concello de Ames, conta cunha taxa de éxito do 60%.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Taller amiense para dejar de fumar con depósito de garantía"




