Pestanas principais

Comeza o segundo campus de verán de fútbol que organiza a Fundación Celta de Vigo en Ames

Luns, 29 de xuño de 2015

[29-06-2015] O concello de Ames acolle por segundo ano consecutivo o campus de verán que organiza a Fundación Celta de Vigo. Esta actividade comezou esta mañá nas instalacións do campo municipal do Milladoiro e rematará o próximo venres 3 de xullo, pola tarde, cunha gran festa na que un xogador do Real Club Celta de Vigo visitará aos rapaces. Nesta iniciativa están participando preto de 60 rapaces e rapazas de 4 a 16 anos. Os nenos e nenas están divididos en catro grupos segundo a idade dos participantes. As clases están sendo impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo.

O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo están desenvolvendo no campo municipal do Milladoiro o segundo campus de verán de fútbol, que ten o obxectivo de que os nenos e nenas amesás practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. Esta iniciativa enmárcase dentro da conmemoración do décimo aniversario da Peña Celtista do Milladoiro. Esta entidade é a promotora deste campus no que tamén colaboran o Concello de Ames e o Milladoiro SD.

O campus de verán da Fundación Celta de Vigo comezou este luns, 29 de xullo, e rematará o próximo venres, 3 de xullo, cun gran festa na que un xogador do Real Club Celta de Vigo visitará aos rapaces. Este evento deportivo impártese de luns a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e o venres 3 de xullo de 10:00 a 18:00 horas, debido a que durante a última xornada do campus haberá una festa con comida incluída, entrega de diplomas e adestramento compartido cos pais/nais dos participantes.

Nesta iniciativa están participando preto de 60 rapaces e rapazas de 4 a 16 anos. Os nenos e nenas están divididos en catro grupos segundo a idade dos participantes. As clases están sendo impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo, que empregan un sistema de adestramento rotativo dividido en catro grandes áreas: coordinación-psicomotricidade; técnica; táctica; competición e multideporte.

O obxectivo deste campus é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos/as están recibindo unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Todos os días os participantes dispoñen dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. A cada neno/a que está participando neste actividade entregóuselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, que está composto por uns calcetíns, unha camiseta e un pantalón.