Pestanas principais

Comeza o reparto de títulos da concentración parcelaria Biduído – Bugallido

Luns, 22 de febreiro de 2016

[22-02-2016] Este luns pola mañá comezou a entrega de títulos da concentración parcelaria Biduído – Bugallido. Seis técnicos da Consellería de Medio Rural desprazáronse ata o local social de Bugallido para facer a entrega dos devanditos títulos, que continuará mañá martes, o mércores e o xoves, en horario de 10:00 a 13:30 horas. Está previsto que durante estes días arredor de 1.200 propietarios pasen a recoller os títulos das súas propiedades. O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, achegáronse esta mañá ata Bugallido.

Un gran número de veciños e veciñas achegáronse esta mañá ata o local social de Bugallido, para recoller os seus títulos de propiedades que están dentro da concentración parcelaria de Biduído – Bugallido. Esta concentración parcelaria comprende máis de 3.000 fincas e uns 1.200 propietarios.

Na xuntanza mantida a semana pasada entre os representantes do Concello e as asociacións de veciños chegouse ao acordo de que dende as propias asociacións se ía recomendar que os veciños de Bugallido acudisen o luns e o martes, mentres que os veciños de Biduído deberían acudir a recoller os seus títulos o mércores e o xoves. Incluso os párrocos de Bugallido e Biduído deron conta desta recomendación nas misas oficiadas esta fin de semana.

O alcalde de Ames, José Miñones, indicou que “a entrega de títulos das propiedades incluídas dentro da concentración parcelaria de Bugallido e Biduído estase desenvolvendo con total normalidade. Esta actuación está creando unha gran expectación e esta mañá formouse unha longa ringleira de persoas que querían recoller os seus títulos. Para evitar aglomeracións dentro do local social de Bugallido estase dividindo a entrada de veciños en grupos reducidos de 20 persoas e asignáselle un número a cada persoa para que sexa atendido polos técnicos da Xunta de Galicia”.

Seis técnicos da Consellería de Medio Rural son os encargados de atender e entregarlle os títulos aos veciños e veciñas, que van entrando no local social en grupos de 20 persoas. A cada veciño entrégaselle un tícket cun número, para que despois poida ser atendido polos funcionarios da Xunta de Galicia. Esta mañá a expectación foi máxima xa que dende primeira hora formouse unha longa ringleira no exterior do local social de Bugallido para poden entrar ao devandito local para recoller os títulos.

A entrega de títulos continuará mañá martes, o mércores e o xoves, en horario de 10:00 a 13:30 horas. Está previsto que durante estes días arredor de 1.200 propietarios pasen a recoller os títulos das súas propiedades. O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, achegáronse está mañá ata Bugallido para comprobar que todo se desenvolvía con normalidade.

Documentación necesaria para recoller os títulos
Cómpre lembrar que para recoller os títulos, as persoas interesadas terán que presentar o DNI e, se lles é posible, o número de propietario ou algún documento da concentración onde conste este dato. No caso de retirar os títulos en nome doutra persoa, deberán presentar unha autorización do propietario ou propietaria e copia do seu DNI. O modelo de autorización está incluído dentro do bando municipal emitido polo Concello de Ames e pódese descargar no banner de bando municipais da web municipal ou premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas.

Os títulos de propiedade que non sexan recollidos nestas datas estarán a disposición das persoas interesadas na Xefatura de Servizo de Infraestruturas Agrarias, que se atopa no sexto andar do edificio administrativo de Monelos, na rúa Vicente Ferrer, número 2, na Coruña.

O Concello, a través da concelleira de Participación e Atención Veciñal, servirá de mediador entre os veciños/as e a Xunta de Galicia. Deste xeito, o Concello notificaralle á administración autonómica todas aquelas incidencias que lle trasladen os veciños e veciñas e daquelas persoas que non figuran na listaxe de entrega de títulos. Para poñerse en contacto co Concello, o goberno municipal recorda a posibilidade de facelo ben vía telefónica chamando ao número 981 883 002 ou enviando un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Comienza la entrega a 1.200 propietarios de los títulos de la parcelaria de Biduído y Bugallido"
El Correo Gallego: "Largas colas en la entrega de títulos para la parcelaria de Biduído y Bugallido II"