Pestanas principais

Comeza o reparto de alimentos para arredor de 300 familias sen recursos no Concello de Ames

Sábado, 16 de xullo de 2011

[16-07-2011] A brigada municipal de Obras do Concello de Ames comezou na xornada do venres o reparto de alimentos proporcionados pola Cruz Vermella para arredor de 300 familias sen recursos que residen en todo o municipio. Este reparto terá unha duración duns 15 días, debido a que os brigadistas acoden á casa de todos os solicitantes para facer a entrega en man. Nos últimos anos produciuse un importante incremento en familias que piden esta axuda. Proporciónaselles básicos como leite, arroz, pasta ou fariña, pero notan de falta outros como aceite e azucre. Este programa leva funcionando máis de 10 anos e soen repartirse 3 ou 4 lotes ao ano.

O pasado venres, a brigada municipal de Obras do Concella de Ames comezou o reparto de alimentos proporcionados pola Cruz Vermella para arredor dunhas 300 familias que non teñen recursos e residen dentro do municipio amiense. Para poder realizalo, o grupo de brigadistas precisarán uns 15 días para poder cumprir todo o seu cometido tanto polo elevado número de familias que este ano participan, como pola gran extensión do Concello ao ter que ir a entregar os lotes nas propias vivendas dos solicitantes.

Nos últimos anos este servizo viu un incremento nas familias solicitantes, debido en boa medida a crise. Para solicitar esta axuda é preciso acudir aos servizos sociais do Concello de Ames e, a través dunha traballadora social, realizarase un informe e se adxudicará ou non a susodita axuda. Esta é concedida polo Concello, pero os víveres son proporcionados pola Cruz Vermella unhas tres ou catro veces ao ano. Unha vez que estes alimentos chegan ao almacén, no Milladoiro, estímase como se pode facer o reparto equitativo entre as familias, deixando sempre uns excedentes para casos de urxencia.

Este programa leva en funcionamento máis de 10 anos, repartindo comida unhas 3 ou 4 veces ao ano. Nesta ocasión, repartíronse alimentos como leite, arroz, pasta, colacao, leite de continuación e papillas para cativos, galletas ou salsa de tomate (este último por primeira vez este ano). Non obstante, notan a falta de outros básicos como o azucre ou o aceite.