[27-05-2013] O Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, que está situado na rúa Costaneira da urbanización de Aldea Nova, acolle dende este luns, 27 de maio, unha nova edición do programa da Rede Xiana2. Durante os meses de maio, xuño e xullo impartiranse as acción formativas transversais e complementarias. Posteriormente, a partir do mes de setembro impartiranse os cursos para a obtención dos certificados de profesionalidade. As accións formativas centraranse na area das novas tecnoloxías e enerxías renovables. En total impartiranse máis 2.500 horas de formación. A formación enmárcase no proxecto RedeXiana2 (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego), cofinanciado pola entidade provincial e o Fondo Social Europeo.
Esta mañá botou a andar o programa Rede Xiana2 no Concello de Ames coa impartición da formación transversal e complementaria. Dende o 27 de maio ata o 13 de xuño as aulas do Centro de Formación e Emprego acollerán un curso preparatorio para as probas de competencias clave no que están participando 18 alumnos/as. A través deste curso o alumnado que carece do título de Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) acadará os coñecementos necesarios para poder realizar os cursos que se enmarcan dentro deste programa. Este é un requisito formativo indispensable para que o alumando poida optar ao cursos de certificados de profesionalidade.
Neste curso impártense materias de lingua, ciencia, tecnoloxía, matemáticas, etc. Unha vez rematada esta acción formativa o alumnado poderá presentarse aos exames que organiza a Xunta de Galicia a través do Instituto Galego das Cualificacións. Non caso de superara o devandito exame os alumnos/as poderán conseguir o certificado acreditativo que permite o acceso a formación profesional ocupacional. Dentro da formación transversal e complementaria, que se impartirá nos meses de maio, xuño e xullo, está previsto que se impartan accións formativas sobre alfabetización informática (concretamente sobre a internet); busca de emprego e novas tecnoloxías; prevención de riscos laborais. Na formación complementaria investiranse 23 días.
Obtención dos certificados de profesionalidade
Posteriormente, a partir do mes de setembro impartiranse os cursos para a obtención dos certificados de profesionalidade. As accións formativas centraranse na area das novas tecnoloxías e enerxías renovables. Neste eido, haberá cinco cursos sobre a montaxe e mantemento de instalación eléctricas de baixa tensión; operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios; operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas; montaxe e mantemento de redes eléctricas de alta tensión de segunda e terceira categoría e centros de transformación; montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Esta formación terá unha parte teórica e outra parte práctica. Este cursos impartiranse ao longo dun ano (entre setembro de 2013 e setembro de 2014). Adicaranse un total de 405 días a impartición destes 5 cursos formativos.
As persoas que participan neste programa son fundamentalmente do concello de Ames, pero tamén hai alumnos/as dos concellos do Pino, Touro, Brión e Teo. Este programa tamén se imparte no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, que está a pleno rendemento dende a súa posta en marcha no mes de xaneiro de 2013. As aulas deste centro acollen o obradoiro de emprego Encontro Verde e as accións formativas do programa RedeXiana2 de luns a venres, mentres que durante a fin de semana impártense as clases do curso de monitor de tempo libre.
Obxectivo: maior profesionalidade das persoas desempregadas
O obxectivo final consiste nunha maior profesionalidade das persoas desempregadas e a súa inserción no mercado laboral en termos de calidade e responsabilidade social, en virtude do Pacto Provincial polo Emprego Responsable na provincia da Coruña, asinado polos 91 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes que participan no proxecto RedeXiana2.
O proxecto inclúe un programa formativo que combina formación teórica con experiencia laboral en entidades e empresas da provincia de sectores económicos relacionados coa formación impartida. Ademais ofrece orientación laboral para a inserción das persoas desempregadas e apoio na procura activa de emprego a través da titorizacion e seguimento persoal permanente. Este acompañamento personalizado canalízase tamén a través do asesoramento especializado a persoas emprendedoras para a posta en marcha da súa idea empresarial.




