Pestanas principais

Comeza o programa “Falemos de saúde” cunha charla sobre as disfuncións do solo pélvico

Martes, 14 de marzo de 2017

[14-03-2017] O Concello de Ames pon en marcha o programa Falemos de saúde, que foi presentado o pasado mércores, 8 de marzo, no acto municipal de conmemoración do Día das Mulleres. A primeira charla impartirase mañá, mércores 15 de marzo, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras). A fisioterapeuta Cristina del Arco falará das disfunción do solo pélvico. Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “este programa nace, por un lado da necesidade de poñer en valor o concepto de saúde e por outra banda para crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina dando cumprimento así a unha demanda e a un obxectivo do terceiro plan municipal de igualdade de oportunidade entre mulleres e homes. Pretendemos crear un espazo de xuntanza, debate, reflexión... da muller, para a muller, sen ser excluínte, onde se aborden de xeito participativo aspectos da saúde dende unha perspectiva biopsicosocial e de xénero”.

A primeira charla deste programa impartirase este mércores, 15 de marzo, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladorio (situado na rúa Figueiras). A fisioterapeuta Cristina del Arco falará dos problemas derivados das defuncións do solo pélvico. Tamén se explicarán as medidas preventivas e o tratamento que hai que adoptar para solucionar ditos problemas. Esta charla está dirixida tanto a persoas adultas como a persoas máis mozas, xa que o solo pélvico debe estar forte para previr futuros problemas.

“É por todos sabido que a esperanza de vida da muller é maior que a do home, aínda que a súa saúde é peor. Por outra banda tamén detectamos que a maioría dos estudos de saúde realízanse sobre homes e non sobre mulleres, polo que da lugar a unha discriminación de xénero no plano da saúde, polo que este programa pretende informar e capacitar as mulleres sobre condutas e estilos de vida para previr enfermidades, malestar físico, psíquico ou social á vez que queremos xerar un clima favorable para evitar estas desigualdades na saúde que afectan ás mulleres”, engade Luísa Feijóo.

Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. As charlas que se van impartir son: disfuncións do solo pélvico; autoestima e empoderamento; defensa persoal; sexualidade ao longo da vida; dieta saudable; o alzhéimer e outras demencias; control do estrés e ansiedade; técnicas de relaxación; a menopausia; prevención de drogodependencias; corresponsabilidade e igualdade; e adicións sen sustancia.