Pestanas principais

Comeza o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas

Martes, 08 de maio de 2012

[08-05-2012] O día 14 de maio comezou o prazo de solicitude de carnés para as piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro. A Concellería de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado informa de que para solicitar a tarxeta de usuario será preciso presentar o impreso de solicitude cuberto, unha foto de carné e o resgardo de pagamento das taxas. O único requisito imprescindible para conseguir este abono é estar empadroado no Concello de Ames.

As persoas interesadas en facerse co carné das piscinas descubertas municipais poden solicitar información e os impresos na Casa da Cultura do Milladoiro, nos teléfonos 981 535 940 e 981 884 991, ou na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina), en horario de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o bando e o impreso para solicitar os carnés das piscinas municipais descubertas.

Para este verán, ofreceranse varios tipos de abono: o familiar de tempada (no que se inclúen pais e fillos menores de 18 anos), que custará 20 euros; o individual (14 euros) e o abono de tempada para menores de idade (7 euros). Tamén haberá abonos mensuais (7 euros) e facilidades para familias numerosas e con poucos recursos. Os menores de dez anos están exentos de pagamento.