Pestanas principais

Comeza o prazo para renovar a matrícula na Escola Municipal de Música de Ames

Luns, 28 de maio de 2012

[28-05-2012] A Escola Municipal de Musica de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, abre dende hoxe ata o 1 de xuño o prazo de renovación da matrícula do curso 2012/2013, para todos aqueles nenos/as que xa estiveron matriculados este ano na escola. Este primeiro prazo de inscrición está orientado, exclusivamente, aos alumnos da Escola para a continuación de estudios. Mentres que todos aqueles que desexen comezar estudios musicais na EMMA deberán realizar a matrícula entre o 11 e o 22 de xuño. A Escola, que remata as clases o próximo día 22 de xuño, fará como todos os anos a actuación de fin curso, ese mesmo día ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os impresos que hai que cubrir para realizar a matrícula para o próximo curso.

Con motivo do remate do presente curso escolar, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) abre un primeiro prazo de reserva de matrícula para o próximo curso 2012/2013, dirixido aos alumnos/as que xa estiveron matriculados na EMMA este curso. O prazo abrangue dende o día 28 de maio ata o 1 de xuño. Para que a praza quede reservada, os pais e nais terán que ingresar na conta bancaria correspondente o importe da matrícula e achegar o resgardo de pagamento xunto coas fichas da matrícula nos lugares sinalados.

Toda a información para facer a matrícula está especificada nas follas das solicitudes que se deberán entregar, dentro do prazo sinalado, ben no Pazo da Peregrina en Bertamiráns de luns a venres, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas, ou ben na Casa da Cultura do Milladoiro de luns a venres desde as 9:30 h. ás 13:00 horas.

Por outra banda, os pais e nais de todos aqueles nenos/as que desexen comezar estudos musicais na Escola Municipal de Musica de Ames deberán formalizar a matrícula do 11 ao 22 de xuño. Para responder calquera tipo de dúbida ou pregunta sobre os cursos da EMMA, os interesados teñen á súa disposición o número de teléfono 981 535 940 de luns a venres, en horario de 9:30 h. a 13:00 horas. Tamén poden enviar un correo electrónico a escolademusica@concellodeames.org

Novidades na oferta educativa da EMMA

A oferta educativa, coma sempre, estará orientada a nenos/as de 4 anos para diante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de música e movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os nenos/as que teñen de 4 a 7 anos. Este ano realizaranse varios cambios na organización da materia de música e movemento. Vanse seguir impartindo dúas horas á semana (unha hora impartirase como ata agora e a outra hora estaría dividida en dúas partes: media hora dedicada á percusión tradicional e outra media hora de audicións coa profesora de canto moderno).

Para os maiores de 7 anos a EMMA seguirá ofrecendo as materias que se viñan impartindo en cursos anteriores. Entre estas materias están Linguaxe Musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento, e as clases de combo ou conxunto instrumental de música moderna.

Por outra banda, impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos. Así, poderán asistir aqueles nenos/as que desexen aprender a tocar ou mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón. Por último, ofertaranse varias prazas para as clases de canto moderno, dirixidas a nenos/as a partir de 7 anos e cunha duración dunha hora á semana. Para poder participar nas clases de canto moderno haberá que realizar unha proba de acceso previamente.

Os alumnos/as que están matriculados en clases instrumentais poderán ademais optar a participar nas agrupacións musicais, orquestra de frautas e saxofóns, agrupacións de violín-viola, coro de voces e combos, que se van seguir facendo para o próximo curso e de forma gratuíta.

Ademais, este ano impartirase unha nova materia para aprender a tocar un instrumento tradicional (pandeireta, cunchas, culleres, tambor...). Estas clases terán unha duración de media hora á semana e os rapaces e rapazas estarán divididos en grupos de como máximo catro persoas.

Como todos os anos celebrarase unha actuación de fin de curso na que participarán todos os alumnos e alumnas da EMMA. Este festival terá lugar o próximo 22 de xuño, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta cita o alumnado poderá demostrar todo o que aprendeu durante o curso e deleitarnos con pezas musicais nunha agradable velada, sobre todo para os orgullosos pais e nais.