Pestanas principais

Comeza o prazo para matricularse na escola municipal de música de Ames

Luns, 07 de febreiro de 2011

[07-02-2011] Durante esta semana, entre os días 7 e o 11 de febreiro, a Escola Municipal de Música de Ames abre un novo prazo de matrícula para cubrir novas prazas durante este curso. As clases comezarán o día 1 de marzo e os interesados poderán inscribirse tanto nas clases de música e movemento, para nenos e nenas de entre 4 e 7 anos, como de instrumento, para os nenos e nenas de 7 anos en diante. No caso de haber máis inscritos que prazas realizarase un sorteo o mércores 16 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. Será preciso acudir ao sorteo ou mandar algunha persoa en representación.

Unha vez máis os rapaces e rapazas do concello que o desexen teñen a oportunidade de incorporarse á Escola Municipal de Música de Ames para comezar ou ampliar os seus estudos na arte musical. Para iso, tan só é necesario estar empadroado no municipio e matricularse entre o día 7 e o 11 de febreiro na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 9:30 h. a 13:00 horas, ou no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 h. a 14:00 horas.

As clases comezaron no mes de outubro pero sempre se abre unha segunda quenda de matrícula para cubrir as prazas que quedaron libres. A EMMA oferta leccións de música e movemento, dirixidas aos cativos de catro a sete anos, de linguaxe musical ou práctica instrumental, e de combo ou conxunto instrumental de música moderna para rapaces e rapazas maiores de sete anos. Nesta segunda quenda de matrícula ofrécense 29 prazas para asistir a clases de música e movemento, combo, guitarra, canto, percusión e batería.

Este novo prazo de matrícula amplía a oferta da Escola Municipal de Música que o pasado xuño brindou a posibilidade de optar a preto de oitenta prazas coa finalidade de que os rapaces e rapazas amienses teñan a oportunidade de adquirir coñecementos teóricos e prácticos na música e axudar desta forma na súa formación artística. Os rapaces e rapazas que se matriculen este mes na EMMA comezarán as clases o vindeiro día 1 de marzo.

A admisión do alumnado no caso de existir máis demanda que número de prazas ofertadas será por sorteo público, que se realizará o mércores 16 de febreiro ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Será preciso acudir ao sorteo ou mandar algunha persoa en representación.

COMBO ou conxunto instrumental

A Escola Municipal de Música de Ames vai incluíndo novas materias no seu programa educativo co fin de que o alumnado poida incrementar os seus coñecementos musicais. Seguindo esta liña o curso pasado impartiuse a asignatura de COMBO ou conxunto instrumental de música moderna. Esta materia ten a finalidade de facer que grupos de alumnos dirixidos e coordinados por un profesor, poidan preparar durante o curso un repertorio variado en estilos musicais como son: Rock, Pop, Blues, canción popular, Jazz ou o Latín. Estilos non contemplados no ensino oficial de música nos Conservatorios pero que, en conxunto, representan a maior porcentaxe de música escoitada en todos os medios.

A finalidade didáctica é a de fomentar a participación en grupo dos alumnos que baixo a dirección do profesor da materia, levarán así a práctica, os coñecementos musicais, teóricos e instrumentais ata agora adquiridos, nunha nova situación, xa non individual se non colectiva e interactiva.

Para poder matricularse nesta actividade hai que ter requirimentos específicos de idade (aproximadamente 12 anos) e de coñecementos musicais (en canto a nivel instrumental e linguaxe musical). Debido a iso o profesor realízalle ao alumnado unha proba para poder acceder a esta materia. Esta clase vaise impartir os luns no IES de Bertamiráns. As sesións serán dunha hora, serán clases colectivas nas que como mínimo ten que haber 4 persoas. O custo é igual que as clases dun instrumento é dicir 25 euros.

A principal novidade neste curso foi a inclusión no programa educativo da materia de canto moderno. Esta actividade está dirixida aos rapaces e rapazas maiores de 11 anos. As clases desenvólvese de xeito individual e terán unha duración dunha hora á semana. O custo desta materia é de 35 euros ao mes e hai once prazas dispoñibles.

Máis información

Para responder a calquera tipo de dúbida ou pregunta sobre os cursos da EMMA, os interesados teñen á súa disposición o número de teléfono 981 535 940 en horario de 9:30 h. a 13:00 horas de luns a venres. Así mesmo, os que o prefiran poden tamén enviar un correo electrónico á responsable da Escola de Música.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Abren la matrícula en la escuela de música de Ames"