Pestanas principais

Comeza o prazo para inscribirse no obradoiro de cantos de berce que impartirá Ugía Pedreira o 29 de abril

Luns, 17 de abril de 2017

[17-04-2017] Até o día 27 está aberto o prazo para inscribirse no obradoiro “Nanas para acolar” que impartirá Ugia Pedreira na mañá do sábado 29 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro. O obradoiro, que se encadra dentro do programa Apego, ten como finalidade recuperar e aprender cancións de berce tradicionais e de autoría e afondar na importancia que os arrolos teñen no desenvolvemento evolutivo dos cativos e das cativas. “Nanas para acolar” está dirixido a familias con nenos e nenas de cero a tres anos e a familias que están agardando un bebé. As familias que desexen participar teñen que enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal. Hai vinte prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.

“Os cantos de berce teñen un enorme poder emocional e constitúen un dos xeitos máis importantes de crear vínculos afectivos e de transmitir o amor e a lingua xa desde o útero”. Deste xeito maniféstase Rosa Moreiras, técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, ao falar deste obradoiro a través do que 20 familias de Ames terán a oportunidade de coñecer e prender cantos de berce tradicionais e  nanas de autoría.

A cantante Ugía Pedreira, integrante de grupos como Marfull, Nordestínas e impulsora da aCentral Folk, será a encargada de impartir o obradoiro. Aprenderanse diferentes e variados cantos de berce para transmitirlles a lingua ás crianzas e afondarase na importancia e  no poder emocional que teñen as nanas e nos vínculos que a través delas se establecen desde o útero. Falarase do impacto e o poder sentimental que ten a voz no mapa emocional que nos acompaña desde a nenez e das súa relación cos sentimentos de medo, cólera, alegría...

“Nanas para acolar” está dirixido a familias con nenos e nenas de cero a tres anos e familias que están agardando un bebé. O obradoiro, que se desenvolverá o sábado 29 de abril entre as 11.00 e ás 13.00 horas, está aberto á participación de calquera membro da familia acompañando ás crianzas: pais, nais, avós, avoas...

A inscrición está aberta do 17 ao 27 de abril. Para facela hai que enviar un correo electrónico a normalización@concellodeames.gal. Neste correo deben constar os seguintes datos: nome e idade das persoas participantes e teléfono de contacto. O departamento de Normalización Lingüística enviará a confirmación da reserva da praza. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

Esta actividade encádrase no programa Apego, un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para ese proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais a través do sitio web www.apego.gal.
 
Ademais de facilitar información, materiais e recursos, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais, coma este obrdoiro,  e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas.

Calquera familia interesada no programa, con nenos/as de 0 a 6 anos ou que estea agardando un bebé, pode dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüistica a través do correo normalizacion@concellodeames.gal para inscribirse e e recibir información sobre o programa e sobre todas as actividades e recursos dispoñibles.