[25-06-2012] Entre os días 25 de xuño e 5 de xullo os pais e nais dos nenos/as admitidos no campamento urbano de verán terán que realizar a correspondente matrícula para poder participar nesta actividade que se desenvolverá durante as tardes do mes de xullo na Aula da Natureza. Esta iniciativa, denominada Tardes ao Natural, tivo moi boa acollida entre a veciñanza amiense xa que se completaron practicamente todas as prazas ofertadas. Un total de 36 nenos/as están admitidos no campamento urbano de verán. A actividade está dirixida aos rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de matrícula e o programa do campamento urbano.
A Concellaría de Medio Ambiente deseñou un campamento pensado para as tardes de parte do mes de xullo. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio, que se levará a cabo entre os días 9 e 20 de xullo e na que poden participar rapaces de entre 6 e 14 anos. O Concello pon en marcha este campamento, chamado Tardes ao Natural, pensando nas demandas dos veciños e veciñas amienses, que están solicitando a posibilidade de que se fixesen actividades para os máis novos nas tardes do verán. O campamento desenvolverase na Aula da Natureza, en horario de 16.30 a 20.00 horas.
Dende o 20 de xuño pódense consultar as listas definitivas de admitidos no campamento urbano. Todos os rapaces e rapazas están admitidos neste campamento e non haberá que realizar sorteo. Un total de 36 nenos/as teñen praza no campamento urbano de verán que se desenvolverá na Aula da Natureza. As listas pódense consultar nos taboleiros oficiais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Xerais do Milladoiro.
Agora, entre o 25 de xuño e o 5 de xullo haberá que formalizar a matrícula para o campamento urbano de verán. O impreso de matrícula, que se pode descargar na sección de AVISOS da páxina web municipal, haberá que cumprimentalo e entregalo na oficina municipal do Milladoiro, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou no Rexistro Xeral do Concello, situado en Bertamiráns, no mesmo horario que no caso anterior, xunto co resto de documentación que figura nas bases.
Servizo de autobús
Para facilitar a asistencia dos rapaces e darlles maior comodidade aos pais e nais, o Concello habilitará un servizo de autobuses que trasladará os participantes ata a Aula da Natureza e que os levará de volta ao remataren as actividades.
Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas poderán realizar multitude de actividades. Por exemplo, aprenderán a elaborar xabróns, papel reciclado... e practicarán técnicas de supervivencia na natureza. Iniciaranse na química, farán teares e aprenderán sobre herbas medicinais. Ademais, levarán a cabo actividades relacionadas coa elaboración de candeas, feltrado e maquetas. Adquirirán coñecementos sobre a fauna e flora do río, as cunchas, a astronomía, a horticultura... Para favorecer o contacto dos rapaces co aire libre, tamén se desenvolverán xogos populares, xincanas e grandes xogos. O campamento urbano rematará cunha festa para os e as participantes.
Para ampliar calquera outra información, as persoas interesadas poden empregar os correos electrónicos auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org ou os teléfonos 660 004 665 e 662 377 544.





