Pestanas principais

Comeza o prazo de votación para elixir as mellores pezas do concurso radiofónico de teatro lido Desata a Lingua!!!

Luns, 20 de novembro de 2017

[20-11-2017] A emisión das pezas producirase en Ames Radio (FM 107.2) entre este luns e o vindeiro 30 de novembro, nas seguintes franxas horarias: das 13:30h ás 14:30h e das 19:00 ás 20:00 horas (de luns a venres). A partir de mañá, as pezas tamén estarán dispoñibles na sección de Avisos da páxina web municipal. No total, entregaranse tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal será a encargada de escoller, entre as pezas emitidas, a obra que obterá o premio do público. A votación poderase realizar, entre hoxe e o próximo 1 de decembro, a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452. O concurso de teatro lido de Ames está organizado polo departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación do Concello de Ames.

O concurso radiofónico de teatro lido de Ames ten como obxectivo dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade, ao tempo que fomenta o gusto polo teatro e achega ás mozas e mozos á radio municipal. Nesta edición, presentáronse 14 grupos de rapazas e rapaces: sete do instituto do Milladoiro e outros 7 do instituto de Bertamiráns. A temática foi libre, aínda que se tivo en conta que estivese relacionada con algún tema de actualidade. Todos os textos foron escritos e locutados en galego. 

As obras presentadas polo IES do Milladoiro foron: Os heroes exploradores, Actualidade sobre rodas, As badaladas, Rapto incomprensible, Historias en negro, Obsesión e Unha chegada tola. Pola súa banda, o IES de Ames, en Bertamiráns, presentou as obras Xa rematou, Vila Doente Darriba, O dragón do pazo, Un pesadelo Marabilloso, Amores adolescentes, O galego cunde e o Son das Cores. As pezas emitiranse desde hoxe ata o vindeiro 30 de novembro, en horario de 13:30h a 14:30h e de 19:00 a 20:00 horas en Ames Radio, de luns a venres. Do mesmo xeito, as pezas tamén estarán dispoñibles, a partir de mañá, na sección de Avisos da páxina web municipal.

A actividade, que foi organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, estivo dirixida ao alumnado matriculado en calquera dos cursos da ESO dos centros de ensino de Ames. Os grupos, que estiveron conformados por entre dúas e catro persoas, cumpriron coa esixencia de que fosen mixtos. Todos os grupos contaron, ademais, cunha persoa representante (parte do profesorado do centro) co fin de coordinar as datas de formación e gravación. Con anterioridade á gravación das pezas, o alumnado participante asistiu a dúas xornadas de formación. A primeira delas foi conxunta e tivo lugar no Pazo da Peregrina. A segunda desenvolveuse en cada un dos centros de ensino co obxectivo de que cada grupo perfeccionase a súa propia peza.

Repartiranse 600 euros en premios
O Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames repartirá tres premios de 200€ cada un. Por unha banda, estará o premio do público, que galardoará á peza escollida pola audiencia da radio municipal. Pola outra, estarán os dous premios escollidos por un xurado designado polo propio Concello. Este xurado seleccionará as pezas gañadoras do premio ao mellor guión orixinal e do premio á mellor interpretación. Como en edicións anteriores, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o día 20 de decembro, á que asistirá todo o alumnado participante. 

Votacións da audiencia
A audiencia da radio municipal de Ames poderá votar a súa peza favorita a través do enderezo de correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do número de teléfono 981 890 452, entre hoxe e o vindeiro 1 de decembro, ambos incluídos. As persoas que voten deberán identificarse, computándose un único voto por persoa.