[21-05-2014] Este mércores, 21 de maio, abre o prazo para formalizar a matrícula nos campamentos municipais de verán 2014, que un ano máis ofrece o Concello de Ames a través das concellarías de Medio Ambiente e Xuventude. Todos os pais e nais que preinscribiron aos seus fillos/as nestas actividades terán que realizar a matrícula ata o vindeiro 31 de maio. As persoas que o solicitaron previamente recibirán por correo electrónico o impreso de matrícula e o documento de pagamento personalizado. Este ano ofértanse un total de 380 prazas repartidas en sete campamentos diferentes que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo e agosto. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de matrícula, as bases e toda a información de cada un dos campamentos.
Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e aos rapaces e rapazas desde 1º a 4º de ESO, realizaranse nesta edición en lugares como a granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes), Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz) e no campamento xuvenil Ribeira Sacra (Quiroga).
Ademais, este ano desenvolverase a terceira edición do campamento urbano, que se levará a cabo no mes de xullo na Aula da Natureza. Grazas a este programa de campamentos deseñado polas concellerías de Medio Ambiente e Xuventude, os rapaces e rapazas terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas.
Campamentos ofertados
Os nenos de 1º e 2º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 25 e 26 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo deste campamento será de 45 euros. Ademais, os rapaces e rapazas de 3º de educación infantil tamén terán a posibilidade de acudir a este mesmo campamento durante os días 26, 27 e 28 de xuño. Esta actividade terá un custo de 90 euros.
Por outra banda, os rapaces e rapazas que están cursando 1º e 2º de educación primaria poderán acudir á granxa escola El Kiriko, situada en Fornelos de Montes. Neste caso, a estancia será do 27 ao 29 de xuño a un prezo de 90 euros.
Os alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria acudirán ao Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz. A estancia neste campamento dos rapaces e rapazas de 3º e 4º de primaria será dende o 30 de xuño ata o 3 de xullo e terá un custo de 127 euros. Por outra banda, os rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria poderán estar entre os días 4 e 10 de agosto neste mesmo campamento. Este campamento ten un custo de 170 euros.
Por último, os mozos e mozas que están cursando 1º, 2º, 3º e 4º da ESO terán a posibilidade de pasar uns días no campamento xuvenil Ribeira Sacra, que está situado en Quiroga. Este campamento desenvolverase do 6 ao 13 de xullo e terá un custo de 220 por persoa.
Debido ao éxito acado nas edicións anteriores, este ano a concellaría de Medio Ambiente volve a organizar o campamento urbano que se desenvolve na Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, desenvolverase do día 7 ao 18 de xullo (de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas). En total, hai 50 prazas dispoñibles e terá un custe de 50 euros. En tódolos campamentos se reserva un 10% das prazas para casos de emerxencia social.
Tramitación da matrícula
Os pais e nais dos nenos/as admitidos nos campamentos municipais de verán 2014 terán que formalizar a correspondente matrícula entre o 21 e o 31 de maio. Para iso terán que cubrir o impreso de matrícula e o documento de pagamento. As persoas que o solicitaron previamente recibirán por correo electrónico o impreso de matrícula e o documento de pagamento personalizado. Unha vez cuberto o impreso de matrícula, haberá que entregalo, xunto coa documentación que se solicita, no Rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro de 9:00 a 14:00 horas ou no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, tamén de 9:00 a 14:00 horas. No Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, tamén se poderá entregar os sábados pola mañá de 9:00 a 14:00 horas.
Para facilitarlles o pagamento aos pais/nais permítese o seu fraccionamento. O primeiro prazo, do 50% abonarase co modelo de autoliquidación e farase nas datas de matrícula (do 21 ao 31 de maio), mentres que o segundo prazo será do 9 ao 16 de xuño. Ademais, haberá descontos no custo para usuarios de familias numerosas.
Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. Para solicitar información sobre o campamento xuvenil Ribeira Sacra deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org.




