Pestanas principais

Comeza o prazo de inscrición para participar en Sanauga, un programa dirixido aos maiores do Concello

Mércores, 25 de setembro de 2013

[25-09-2013] O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), abre o prazo de inscrición para participar no programa acuático Sanauga. Trátase dunha oferta deportiva que consiste na realización de actividades acuáticas para persoas maiores e para persoas con discapacidade. O curso comezará o mércores 2 de outubro na piscina municipal A Telleira, situada en Bertamiráns, e desenvolverase ata finais do mes de maio. Os usuarios/as participarán en diferentes actividades acuáticas. Esta iniciativa ten como obxectivo mitigar as dores de diversas doenzas musculares e óseas.

A Oficina de Voluntariado de Ames oferta numerosos obradoiros e actividades para o curso 2013-2014, entre outros o programa deportivo Sanauga. Esta actividade está dirixida a persoas da terceira idade e con discapacidade. Sanauga, coa finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes, centrará o seu curso na ximnasia acuática. Esta actividade consiste na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O curso vai encamiñado á mellora física das persoas participantes e o seu obxectivo principal é mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas.

As actividades de Sanauga desenvolveranse na piscina municipal A Telleira, situada en Bertamiráns, e nelas poden participar os veciños e veciñas amienses que teñan a partir dos 60 anos ou que teñan algunha discapacidade. Para poder participar nesta actividade non é preciso saber nadar. O que se pretende con este tipo de exercicios é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas e sen o requirimento de saber nadar. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mover segmentos corporais, empurrar materiais, etc.

As inscricións poden realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro, os luns e os mércores de 9:00 h a 11:00 horas, e na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 9:00 h a 14:00 horas, de luns a venres. Para máis información, pódese chamar á Casa da Cultura de Bertamiráns ao número de teléfono 662 377 044 ou ben ao teléfono 981 535 940 da Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén se poden aclarar dúbidas poñéndose en en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.org ou ben informarse a través da conta de facebook da OVA.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comeza o prazo de inscrición para participar en Sanauga, un programa dirixido aos maiores de Ames"