Pestanas principais

Comeza o prazo de inscrición para as actividades da Primavera Lúdica

Mércores, 15 de febreiro de 2012

[15-02-2012] O Concello de Ames pon en marcha un ano máis o programa da Primavera Lúdica, que está dirixida aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria, e que estean empadroados no concello de Ames. Con este programa preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo durante as vacacións escolares, permita as nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. A Primavera lúdica desenvolverase durante os días 2, 3, 4 e 9 de abril, en horario de 7:30 h. a 16:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto do 15 ao 29 de febreiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición e as bases de funcionamento dos programas lúdicos.

As vacacións de Semana Santa xa están achegándose e a comezos do mes de abril os nenos e nenas amienses disporán de oito días de descanso e lecer. Para que as nais e pais, que teñen fillos/as en idade escolar, poidan conciliar a vida laboral e familiar o Concello de Ames oferta un programa de actividades culturais e formativas que manterán ocupados aos rapaces e rapazas durante as horas nas que as súas familias teñen que acudir a traballar.

A Primavera Lúdica, como o resto de programas lúdicos levados a cabo polo Concello nos últimos anos, busca ao mesmo tempo a diversión dos rapaces no seu tempo de vacacións e a conciliación da vida laboral e familiar dos seus pais/nais. Estas actividades realizaranse durante os días 2, 3, 4 e 9 de abril dende as 7:30 h. ata as 16:00 horas. O horario comprende os tramos Bos días, de 7:30 h. a 9:00 horas (con opción de almorzo), lúdicos, de 9:00 h. a 14:30 horas e comedor e xogo libre, de 14:30 h. a 16:00 horas.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria e que estean empadroados no concello de Ames. Aínda así, poderán acceder tamén a esta oferta lúdica e educativa os fillos e fillas de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación acreditarase cun certificado da empresa ou institución. Terán sempre preferencia os/as empadroados/as no Concello de Ames.

Prazo de inscrición

Todos os pais e nais que estean interesados en apuntar aos seus fillos/as neste programa de actividades, que se desenvolverá durante a Semana Santa, deben saber que o prazo de inscrición estará aberto do 15 ao 29 de febreiro. Para iso poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación en Bertamiráns ou na Oficina Municipal do Milladoiro e entregala no Rexistro Xeral do Concello en Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro, en ambos os casos en horario de 09:00 h. a 14:00 horas.

Para facer correctamente a inscrición o/a solicitante deberá presentar en prazo a solicitude de inscrición, facilitando na mesma o número de conta para o pagamento do servizo por domiciliación bancaria e as autorizacións que figuran no impreso correspondente. Ademais, deberá achegar as fotocopias do libro de familia completo e no seu caso copia da sentenza xudicial coas medidas paterno filiais. Tamén deberá achegar os orixinais para cotexar as copias.

En caso de que xa obre no poder do departamento de Educación do Concello de Ames fotocopias dos documentos anteriores non será necesario presentalas novamente, sempre que a unidade familiar non experimentase cambios e así o faga constar no impreso de inscrición do servizo. Na ficha de inscrición deberán sinalar se queren apuntarse ao programa completo ou anotarse por días soltos e indicar ademais o horario ao que desexan apuntarse de entre as opcións e franxas ofertadas.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase unha lista de admitidos/as na que se indicarán ademais os lugares nos que terán lugar as actividades e os grupos de idade nos que foron organizados os rapaces. Tanto os grupos como a localización dependerán do número de nenos e nenas inscritos. Cómpre lembrar tamén que os horarios solicitados na ficha de inscrición non poderán ser modificados unha vez rematado o prazo de inscrición.

Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou visitar a sección de avisos desta páxina web. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición e as bases de funcionamento dos programas lúdicos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comeza o prazo de inscrición para as actividades da Primavera lúdica"