Pestanas principais

Comeza o prazo de inscrición nos cursos multimedia e audiovisual 2012 da rede CeMIT de Ames

Venres, 20 de abril de 2012

[20-04-2012] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames organiza oito cursos multimedia e sobre contidos audiovisuais que se desenvolverán ao longo dos meses de maio, xuño, setembro e outubro. Estas actividades, que son totalmente gratuítas, realizaranse de xeito simultaneo aos obradoiro de informática que se desenvolven mensualmente. Nesta nova edición, o programa de formación conta con seis microcursos de 15 horas de duración (sobre posicionamento web, televisión na internet, deseño gráfico, retoque fotográfico, community manager e streaming de audio e vídeo) e dous cursos máis amplos de máis de 40 horas sobre produción audiovisual e creación multimedia.

A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia. Nesta nova edición, o programa de formación conta con seis pequenos cursos de 15 horas de duración e dous cursos máis amplos de máis de 40 horas. Estes cursos desenvolveranse ao longo de todo o ano.

Durante os meses de maio e xuño realizaranse os obradoiros sobre posicionamento web, televisión en internet, deseño gráfico, retoque fotográfico, community manager e streaming de audio e vídeo. Para participar nestes cursos hai que inscribirse antes do 29 de abril.

O obradoiro de posicionamento web desenvolverase do 14 ao 16 de maio, en horario de 9:00 h a 14:00 horas; o curso de TV na internet tamén se desenvolverá entre o 14 e o 16 de maio, pero en horario de tarde, de 16:00 h a 21:00 h. Para o mes de xuño quedan outras dúas actividades. O curso de deseño gráfico realizarase dende o 18 ata o 21 de xuño, en horario de 10:00 h a 14:00 h, mentres que o obradoiro de retoque fotográfico desenvolverase tamén entre o 18 e o 21 de xuño, pero en horario de tarde de 16:00 h a 20:00 horas.

Cursos segundo semestre

Tamén se ofertan actividades sobre o papel do community manager e o streaming de audio e vídeo, que terán unha duración de 16 horas, e outros dous cursos máis amplos de máis de 40 horas sobre produción audiovisual e creación multimedia. O prazo para matricularse nos cursos do segundo semestre de 2012 remata o día 24 de maio.

Dende o 17 e o 20 de setembro desenvolverase o curso de streaming de audio e vídeo, en horario de 10:00 h a 14:00 horas, mentres que o obradoiro de community manager realizarase tamén entre o 17 e o 20 de setembro, pero en horario de tarde de 16:00 h a 20:00 horas.

Por outra banda, o obradoiro de produción audiovisual desenvolverase entre o 24 de outubro e o 15 de novembro, en horario de 10:00 h a 14:00 horas. Esta acción formativa terá unha duración de 60 horas lectivas. O curso web 2.0, que ten un carga lectiva de 40 horas, realizarase dende o 24 de outubro ata o 12 de novembro, en horario de 16:00 h a 20:00 horas.

Todas as persoas que estean interesadas en participar nalgún destes cursos poden facer a inscrición a través da dirección web www.aulascemit.xunta.es/inscripcion escollendo como centro Ames. Para mais información ou inscribirse tamén poden chamar ao número 662 371 511, ou achegarse a propia Aula CeMIT de Ames, que está situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.