Pestanas principais

Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado

Luns, 12 de decembro de 2022

O tradicional acto de acendido das luces abriu oficialmente o tempo de Nadal en Ames na tarde do sábado, 10 de decembro. Dende ese momento, as luminarias engalanan os principais edificios municipais e iluminan as rúas e as prazas do Milladoiro, de Bertamiráns e das parroquias amesás. Persoal da Policía Local e da agrupación de Protección Civil de Ames foron os encargados de premer o botón de acendido das luces. O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames e cunha chocolatada con churros gratuíta. A programación de Nadal ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Un gran número de veciños e veciñas achegáronse na tarde deste pasado sábado, 10 de decembro, ata a praza do Concello, para participar no acto de acendido das luces de Nadal. A partir dese momento, as principais rúas do Milladoiro, Bertamiráns e das parroquias amesás quedaron engalanadas con motivo das festas de Nadal.

Deste xeito, instaláronse máis de 130 elementos decorativos para iluminar prazas e rúas por todo o concello. En cada parroquia do rural colocouse como mínimo un elemento decorativo. Entre ditos elementos hai máis de 100 arcos decorativos e outros elementos decorativos como unha árbore artificial iluminada de 15,5 metros na zona de estacionamento da rúa Agro do Medio, no Milladoiro, onde se atopa o SuperCor; e unha bola xigante de 5,5 metros de diámetro na praza da Madalena, tamén no Milladoiro.

Ademais, colocouse unha “a” de Ames xigante na praza do Concello; e un motivo luminoso co número 2023 de dous metros de alto na praza da Maía, en Bertamiráns. Tamén se instalou unha manta de luces que se colocou como se fose un teito de luces na rúa Anxeriz do Milladoiro.

Acto de acendido
Axentes da Policía Local e voluntarios/as da agrupación de Protección Civil de Ames foron os encargados de premer o botón de acendido das luces. No acto de acendido participaron o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que estiveron acompañados de varios concelleiros/as da Corporación municipal.

O acto, que se celebrou na Casa do Concello de Bertamiráns, contou coa actuación musical do combo da Escola Municipal de Música de Ames. Os nenos e nenas que cantaron cursan a modalidade de linguaxe musical e interpretaron os temas Branco Nadal e a versión en galego do tema All I want to Christmas is you. Ao final do acto repartiuse entre os/as asistentes chocolate con churros.

Comeza a programación de Nadal
O alcalde, Blas García, foi o encargado de abrir o Nadal de 2023 en Ames. O rexedor municipal dixo “esta tarde acendemos o Nadal en Ames nun acto que contou coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames, e onde a Policía Local e Protección Civil de Ames foron os encargados de darlle ao botón de acendido das luces. Agora comeza a ilusión, a tradición, a festa, a cultura, os soños, a familia... Son días para saír á rúa e aproveitar a normalidade. Quedan moitas cousas e moitas actividades novas. Viva o Nadal”.
 
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou a gran acollida que tivo un ano máis o acto de acendido das luces de Nadal entre a veciñanza de Ames. “Un gran número de veciños e veciñas achegáronse ata a praza do Concello para participar nesta acto co que se dá inicio a programación de Nadal. Unha programación que se prolongará ata principios de xaneiro e que está cargada de actividades para encher de vida as rúas de Ames. Con esta programación de Nadal buscamos seguir dinamizando o comercio e a hostalaría local ao tempo que enchemos de vida as rúas do concello”.

Por outra banda, cómpre destacar que este ano vaise a reducir o horario de acendido do alumeado de Nadal para dar cumprimento á norma publicada polo Goberno central sobre aforro enerxético. Deste xeito, o alumeado permanecerá acendido en horario de 18.00 a 00.00 horas dende este sábado, 10 de decembro, ata o día 6 de xaneiro (incluído).

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Las luces adelantan la Navidad"

Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado

Multimedia

  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado
  • Comeza o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado