Pestanas principais

Comeza o IV campus de fútbol 8 do Bertamiráns FC coa visita do xogador amesá do CD Lugo, Fernando Seoane

Martes, 23 de xuño de 2015

[23-06-2015] O campo municipal de Bertamiráns acolle dende o día 22 ata o 26 de xuño a primeira quenda do IV campus de fútbol 8 Bertamiráns FC. Este evento está dirixido aos nenos e nenas de 6 a 13 anos. Na xornada inaugural deste campus os participantes contaron coa visita do xogador amesá do CD Lugo, Fernando Seoane, que participou nas actividades formativas que se desenvolveron ao longo da primeira xornada deste campus.

Durante a mañá do primeiro día do campus os técnicos que imparten esta actividade afondaron na creatividade dos participantes mediante o desenvolvemento do control e o pase. Neste apartado os rapaces puideron ver un vídeo cos controis de Xabi, os pases ao espazo de Laudrup, os controis orientados de Iniesta e Isco, os pases en habilidade de Ronaldinho, e infinidade de controis. Trala proxección, comezou o adestramento para practicar o control e o pase.

A media mañá, os rapaces gozaron dun tempo de lecer na piscina para combater as altas temperaturas. Tras repoñer forzas cun pequeno almorzo continuaron avanzando coas actividades formativas. A metodoloxía de traballo foi a mesma que no caso anterior. Primeiro viron un vídeo, despois os monitores recordáronlle os aspectos técnicos que acaban de ver, e por último, realizaron a parte práctica no adestramento mediante tarefas e actividades centradas no control e pase.

Tras os ensinos técnicos tocou poñer en práctica o aprendido durante a mañá a través de distintas competicións tendo en conta os principios técnicos anteriormente desenvolvidos. Nesta parte do campus tamén participou o xogador amesá do CD Lugo, Fernando Seoane, que lles deu aos rapaces unhas nocións sobre estes aspectos técnicos. Ademais, Seoane participou no apartado competitivo como un máis.