Pestanas principais

Comeza o curso nos colexios do Concello de Ames con total normalidade

Luns, 12 de setembro de 2011

[12-09-2011] O comezo do curso escolar no Concello de Ames produciuse con total normalidade. Ilusión e nervios foron os sentimentos dominantes en toda a xornada. Os catro colexios de Educación Primaria, Barouta, A Maía, Agro do Muíño e Ventín, xunto co EEI do Milladoiro, abriron as súas portas. Tamén comezou a funcionar a pleno rendemento a Rede Municipal de Comedores Escolares. O próximo luns comezarán a actividade docente os alumnos de secundaria. Máis de 2.800 de nenos e nenas de todas as idades están matriculados este ano no Concello de Ames.


Máis de 2.800 nenos de tódalas idades están matriculados nalgún centro escolar público en Ames

O ano pasado Barouta tivo 158 nenos matriculados, este ano o número ascendeu a 169. Ese lixeiro incremento é un fiel reflexo do que aconteceu na maioría dos outros centros escolares de Ames, o CEIP A Maía, pasou de 639 a 643 nenos, CEIP Ventín pasa de 421 a 471, a Escola Infantil de Milladoiro pasa de 300 a 310, o IES mantense nos 600 alumnos e o CEIP Agro do Muíño tamén aumenta os seus 410 alumnos matriculados o ano pasado, aínda que non se concretou en cifra. Soamente os centros O Bosque e A Madalena reducen o número de matrículas, O Bosque pasa de 120 a 115 alumnos e A Madalena, que tiña 97, queda con 91.

En total, en Ames, 1.118 rapaces e rapazas empregarán o servizo de comedores, 285 fan uso do Bos Días Cole e 155 están matriculados no servizo de Tardes Divertidas.