[19-09-2017] O Curso de Primeiros Auxilios na Natureza comezou onte, 18 de setembro, na sala de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns. Organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ames (OMIX), é gratuíto e conta cun total de 20 persoas participantes que, ao longo de sete sesións, aprenderán os contidos básicos sobre primeiros auxilios no medio natural. As prazas están completas por persoas empadroadas no Concello de Ames, existindo listaxe de agarda. Na sesión de onte, estivo presente o Concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García.
Este luns, 18 de setembro, púxose en marcha o Curso de Primeiros Auxilios na Natureza organizado pola OMIX. Dirixido a mozas e mozos maiores de 16 anos, o curso contempla unha formación básica que comprende desde a intervención fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos, ata o mantemento do soporte vital básico e a inmobilización de persoas enfermas ou feridas.
A primeira xornada do curso decorreu dunha maneira eminentemente práctica, que incluíu unha exposición por parte do docente intercalada de interaccións co alumnado e de simulacións, nas que se traballaron a posición de seguridade e os primeiros pasos a dar fronte unha situación de emerxencia que require a aplicación de primeiros auxilios. Nesta primeira sesión, tamén se lle entregou ao alumnado material que facilitase o seguimento das exposicións, nomeadamente carpeta, caderno de teoría, folios e bolígrafo.
Pola súa banda, os asistentes fixeron chegar ao persoal do Concello e máis ao docente o seu interese por este tipo de formación, ao considerala moi valiosa na aplicación de distintas disciplinas relacionas co traballo directo con persoas como, por exemplo, a prevención no medio ambiente, o turismo ou animación socio-cultural. A sesión de onte, cuxa participación foi do 100%, contou coa presenza do Concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García.
As vindeiras sesións deste curso de Primeiros Auxilios na Natureza terán lugar os días 18, 20, 25 e 27 de setembro e o 2, 4 e 9 de outubro, en horario de 18:00h a 21:00 horas. As dúas últimas sesións contarán cunha duración diferente, ao ser de apenas de 2,5 horas de duración (de 18:00h a 20:30 horas). Unha vez que as e os participantes superen o curso, poderán recoller o diploma acreditativo na OMIX do Concello de Ames.