[08-02-2012] Este luns comezou o curso de operario de almacén que está incluído dentro da Rede XIANA (Rede de Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego), que desenvolve a Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Ames. Este programa naceu co obxectivo de fomentar o emprego a través dunha mellor formación e capacitación profesional. Neste plan formativo participan 17 persoas desempregadas. O curso consta dun total de 250 horas que están distribuídas nunha parte teórica e noutra práctica.
O Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, acaba de poñer en marcha un curso de operario de almacén, que se enmarca dentro da Rede Xiana. Este curso estase desenvolvendo nunha das aulas do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello, situado na urbanización Aldea Nova. Así, un total de 17 persoas desempregadas do Concello de Ames e da comarca están recibindo unha formación especializada neste xacemento de emprego grazas a este curso que está dirixido ás persoas desempregadas pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego.
A Rede XIANA (Rede de Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego) ten como principal obxectivo o fomento do emprego en municipios, da provincia da Coruña, de menos de 50.000 habitantes. Esta iniciativa persegue a dinamización da base económica do medio rural, fomentando a aparición de actividades profesionais competitivas e multifuncionais como son os novos xacementos de emprego. Este plan formativo está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.
Ademais, busca mellorar o nivel dos servizos de proximidade da poboación rural, elevando o nivel de benestar e garantindo a igualdade de oportunidades especialmente para as persoas de maior vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, así como executar accións locais coherentes coas iniciadas desde outros niveis administrativos procurando establecer sinerxias entre os instrumentos de políticas públicas das distintas administracións.
Ames é unha das tres sedes provinciais encargadas de impartir o curso de operario de almacén. En principio non estaba previsto que se realizase este curso en Ames porque xa era sede do obradoiro de empregabilidade. Finalmente, debido a redistribución provincial de beneficiarios e de sedes optouse por centralizar no Concello de Ames a impartición do curso para os usuarios/as amienses e doutros concellos da comarca de Compostela e doutras comarcas provinciais.
O curso de operario de almacén conta con 250 horas de formación das que xa se están beneficiando 17 alumnos e alumnas participantes no itinerario de Formación Específica e Colectivos en Risco de Exclusión Social. As clases teóricas comezaron o día 6 de febreiro e desenvolveranse ata o próximo 24 de abril. Primeiro desenvolverase unha fase teórica que consta de 100 horas lectivas. Posteriormente, haberá unha segunda fase na que o alumnado desenvolverá prácticas nunha empresa e que consta de 150 horas lectivas. Esta segunda fase desenvolverase entre o 5 de marzo e o 27 de abril.
Contidos do curso
Ao longo deste curso os asistentes participarán en cinco módulos formativos. Un dos módulos aborda a estrutura sectorial e orientación no mercado de traballo (transporte por estrada). Neste módulo analizarase a área profesional de almacenaxe e distribución co obxectivo de orientar a súa actuación no mercado de traballo de acordo coas súas propias capacidades e intereses nun itinerario profesional coherente.
O segundo módulo que figura na programación aborda as técnicas de manipulación de mercadorías para realizar as tarefas relativas á manipulación de mercadorías na súa recepción e expedición, utilizando para iso os medios técnicos informáticos dispoñibles para a xestión física da mercadoría do almacén.
Tamén se impartirá un módulo de prevención de riscos e saúde laboral para capacitar o alumnado na prevención de riscos laborais nas empresas de almacenamento, determinando accións preventivas e/ou de protección da saúde para minimizar ou eliminar os factores de risco presentes no ambiente de traballo e que afectan tanto aos traballadores como ao funcionamento da propia empresa.
Outros módulos son o de manexo e condución de equipos de desprazamento de cargas (o alumnado aprenderá a efectuar a condución horizontal e vertical dos equipos de desprazamento de cargas de forma segura e eficaz) e o de mantemento preventivo básico de equipos de desprazamento de cargas, no que os participantes aprenderán a aplicar o plan de mantemento preventivo básico, utilizando o manual técnico do fabricante, nas partes e mecanismos que forman os equipos de desprazamento de cargas.