[05-03-2012] A Aula de Informática do Milladoiro acolle un curso de iniciación ao sistema operativo Windows e ao procesador de textos Writer, que consta de 40 horas lectivas, e que se desenvolverá ata o día 30 de marzo. No obradoiro participan 22 persoas que asisten en dous grupos, un de mañá de 10:00 h a 12:00 horas, e outro de tarde de 19:00 h a 21:00 horas. Este curso enmárcase dentro das iniciativas que o Concello pon en marcha para que a veciñanza amiense teña a oportunidade de mellorar os seus coñecementos de informática. As novas tecnoloxías forman parte do día a día e cada día é máis preciso saber manexar un computador ou navegar por internet.
A Aula de Informática do Milladoiro puxo en marcha un curso de iniciación ao sistema operativo Windows e ao procesador de textos Writer, para que a veciñanza do concello poida aprender a desenvolverse con estas dúas ferramentas case imprescindibles hoxe en día. No curso participan 22 persoas que de distribúen en dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde, en horario de 10:00 h. a 12:00 horas e de 19:00 h. a 21:00 horas todos os días da semana. O curso desenvolverase ata o día 30 de marzo.
As xornadas oriéntanse a persoas maiores de 18 anos. Entre os 22 participantes hai xente de todas as idades. No grupo de mañá inscribíronse un gran número de persoas maiores de 50 anos que xa participaron en obradoiros anteriores organizados pola Aula de Informática do Milladoiro como o curso de iniciación á internet. Moitas persoas asisten ao curso en horario de mañá aproveitando o tempo que os seus fillos pasan diariamente na escola. Outras persoas elixen o horario de tarde para compatibilizar este curso formativo co seu traballo.
O curso ten dúas partes ben definidas que ocuparán dúas semanas cada unha. Na primeira delas as persoas participantes aprenderán a empregar Windows. Familiarizaranse así co manexo do escritorio, co emprego do menú, a creación de carpetas e iconas e a localización de programas e arquivos no ordenador que non se atopan a simple vista, entre outras características do sistema operativo.
A segunda parte céntrase no emprego do procesador de textos Writer. Os asistentes aprenderán como escribir un texto e despois como traballar con el. Ensinaráselles a mudar o formato, a traballar coas diversas fontes, a inserir viñetas e en xeral a mudar a configuración do texto.
Este curso encádrase nun conxunto máis amplo de iniciativas que leva a cabo anualmente a Aula de Informática do Milladoiro coas que se pretende a alfabetización dixital da veciñanza nun mundo cada vez máis tecnolóxico. A boa acollida é dominante nestas iniciativas que se complementan co emprego libre da aula fóra dos horarios de cursos e obradoiros.
Ademais, a aula de informática pon a disposición dos usuarios/as da sala varios programas de mecanografía. Os interesados en aprender a escribir con soltura nun teclado dun computador deben dirixirse á responsable da aula que lle informará ao respecto. Para resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.




