Pestanas principais

Comeza o curso de iniciación á informática e á internet na aula CeMIT do Concello de Ames

Mércores, 16 de novembro de 2011

[16-11-2011] A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello Ames está impartindo un curso de alfabetización dixital que se desenvolverá entre o 15 de novembro e o 22 de decembro, en horario de tarde, de 19:00 h a 20:30 horas. As clases impartiranse os martes e xoves na Aula CeMIT de Bertamiráns, agás os días 6 e o 8 de decembro por ser festivos. Neste curso participan 13 persoas. Esta aula de informática, dependente da Xunta de Galicia, ofrece obradoiros dirixidos a veciñanza amiense. A través deste servizo preténdese que todos os amienses coñezan as nocións básicas da informática e das novas tecnoloxías.

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Ames, e a través da aula de informática da Casa da Cultura de Bertamiráns está desenvolvendo un novo curso para que todos os veciños e veciñas amienses poidan manexar as novas tecnoloxías e a informática.

Durante o mes de novembro e decembro desenvolverase o curso Alfabetización dixital: Iniciación á informática e á internet, co que se pretende achegar a toda a poboación interesada ás destrezas básicas no uso dun equipo informático. Este obradoiro comezou o 15 de novembro e realizarase ata o 22 de decembro, en horario de tarde, de 19:00 h a 20:30 horas. As clases impartiranse os martes e xoves na Aula CeMIT de Bertamiráns, agás os días 6 e o 8 de decembro por ser festivos. Neste curso participan 13 persoas.

O curso está dividido en dúas partes. Na primeira parte os usuarios/as coñecerán os compoñentes dun equipo informático, aprenderán a crear carpetas, arquivos, etc. Ademais aprenderán a facer un documento básico cun procesador de texto, a imprimir ou a cargar as carpetas que previamente crearon. A segunda parte do curso dedicarase a iniciarse na navegación pola internet. Deste xeito os usuarios/as coñecerán os diferentes navegadores, aprenderán a meter as direccións web, creación e manexo dunha conta de correo e a pedir cita médica a través da rede.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolle os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

A Aula de Informática de Bertamiráns tamén ofrece o servizo de Aula Aberta, en horario partido, pola mañá de 9:30 h a 11:30 h e pola tarde de 16:30 h a 19:00 horas. Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todas aquelas persoas que queiran usar os computadores, tanto para buscar información como para calquera outra utilidade, sempre cunha persoa encargada, tanto para resolver as dúbidas que puideran ter os/as usuarios/as como para solucionar as incidencias que poidan xurdir.