[06-11-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude, puxo en marcha un curso de inglés destinado a preparar ao alumnado para a realización do exame Preliminary English Test (PET-B1). Neste curso participan un total de 30 persoas maiores de 18 anos. Para facilitar a asistencia de todos os alumnos/as organizouse un grupo en Bertamiráns e outro no Milladoiro. En cada grupo hai 15 alumnos/as. O curso desenvolverase ata o mes de xuño. As clases son de 90 minutos diarios durante dous días á semana. Ao remate do curso facilitaráselle ao alumnado a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge.
A Concellaría de Xuventude puxo en marcha este ano un novo curso de inglés para a obtención do certificado Preliminary English Test. Esta iniciativa adhírese a outros cursos e actividades que se levan a cabo ao longo do ano dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). O curso preparatorio para a obtención do PET desenvólvese tanto en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, coma no Milladoiro, na Casa da Cultura desta localidade, para facilitar a asistencia do alumnado. As clases son de 90 minutos diarios durante dous días á semana.
Nun primeiro momento o Concello tiña pensado organizar só un grupo en Bertamiráns, pero ante a alta demanda de participación que se produciu, decidiuse crear un segundo grupo no Milladoiro coas persoas que xa estaban inscritas e que figuraban na lista de agarda. Os grupos están formados por un máximo de 15 alumnos/as, co obxectivo de que aproveiten as clases ao máximo, facendo, ademais, un seguimento regular da evolución de cada un con avaliacións trimestrais.
A concelleira de Xuventude, María González, destacou a gran acollida que tivo esta actividade entre a mocidade amiense. “Este ano decidimos poñer en marcha este curso porque pensamos que a formación en linguas estranxeiras é moi importante tanto a nivel laboral coma para optar a estudos universitarios. Debido a boa acollida que tivo este curso temos pensado darlle continuidade”, explica María González.
O curso ten un custe de 187 euros, o que supón unha cota de 26 euros ao mes. O material de aula (libro de texto Complete PET con Student's Book+CD-Room e Workbook+CD) e o material funxible son de balde. Ao remate do curso facilitaráselle ao alumnado a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge.
Obtención do certificado PET
Nas clases traballaranse as distintas destrezas requiridas para a obtención do PET, utilizando un libro de texto e material de reforzo e práctica do exame, facendo fincapé na parte oral do mesmo. O Preliminary English Test é un exame nivel intermedio que se corresponde co segundo nivel dos exames de Cambridge, que avalían os coñecementos de inglés xeral dende un nivel principiante ata avanzado.
O certificado PET está recoñecido a nivel mundial tanto no sector académico como profesional e é equivalente ao nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas. A obtención do mesmo significa que o alumno ou alumnas é capaz de desenvolver as destrezas lingüísticas necesarias para afrontar situacións sociais e laborais correntes, nun entorno de fala inglesa.