Pestanas principais

Comeza o curso de formación sobre prácticas de cultivo sostibles para os 51 usuarios/as das hortas urbanas do Milladoiro

Venres, 04 de abril de 2014

[04-04-2014] Este xoves, 3 de abril, pola tarde os adxudicatarios/as das hortas urbanas do Milladoiro asistiron á primeira xornada do curso sobre prácticas sostibles, que se impartiu na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. Primeiro houbo unha parte teórica e a continuación desprazáronse ata as hortas urbanas para comezar coa fase práctica. Neste curso aprenderán técnicas de cultivo sostibles para aplicar nas súas parcelas. Esta actividade formativa, organizada pola Concellería de Medio Ambiente, está sendo impartida pola Asociación Lentura e achegaralle aos participantes nocións teóricas e prácticas sobre as distintas posibilidades de cultivos sostibles que se poden levar a cabo nas hortas urbanas.


Agricultura sostible
A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explicou que “coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo”. O perfil das persoas adxudicatarias é de xente concienciada co medio ambiente, coa agricultura sostible e interesada en realizar os seus propios cultivos.

Por último, a concelleira de Medio Ambiente lembra o éxito que esta iniciativa alcanzou en Bertamiráns, onde se puxeron a disposición 34 terreos e se rexistraron máis demandantes que parcelas. Os usuarios/as de Bertamiráns xa asistiron ao curso de formación e xa plantaron os seus primeiros cultivos nas súas parcelas.

Nesta primeira xornada de formación, explicóuselle aos adxudicatarios/as das parcelas que os métodos de horticultura a empregar nas hortas serán en todos os casos sostibles, sen emprego de abonos fitosanitarios químicos. Ademais, indicouse que unha parte da formación versará sobre como loitar contra as pragas ou enriquecer a terra de xeito natural. Para iso as parcelas terán que ser tratadas con abono orgánico e ecolóxico. Ademais, haberá que aplicar nas hortas algo de cal para corrixir o PH da terra. Os usuarios/as das hortas puideron resolver as súas dúbidas realizándolle varias preguntas a coordinadora do curso.

A charla de onte estivo dirixida a que os usuario/as aprendesen como organizar a súa parcela, así como preparar e abonar a terra antes de plantar cultivos. Tamén se deron a coñecer as normas que hai que seguir para poder empregar as hortas urbanas solidarias. Primeiro houbo unha parte teórica na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro e a continuación os participantes desprazáronse ata as hortas urbanas para comezar coa fase práctica. Neste curso aprenderán técnicas de cultivo sostibles para aplicar nas súas parcelas.

Esta actividade formativa está sendo impartida pola Asociación Lentura e achegaralle aos participantes nocións teóricas e prácticas sobre as distintas posibilidades de cultivos sostibles que se poden levar a cabo nas hortas urbanas. Durante a vindeira xornada do curso os usuarios/as terán que elaborar unha táboa con todos os cultivos que desexan plantar. Posteriormente, cada usuario/a terá que elixir os produtos que vai querer plantar, para determinar o espazo preciso para cada planta. Deste xeito, irase configurando a planificación de cada parcela atendendo ao gusto do adxudicatario/a e aos criterios técnicos precisos para obter uns resultados favorables.

As 51 parcelas que ofertou o Concello de Ames dentro da iniciativa das hortas urbanas do Milladoiro están situados nunha finca que se atopa entre a rúa do Seixo e a rúa do Francés e conta cunha superficie de 2.017 metros cadrados. A cesión das parcelas é gratuíta e adxudicáronse por un prazo dun ano prorrogable por outros doce meses. Cómpre lembrar que o acondicionamento desta parcela foi posible grazas a unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental concedida pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.