[20-11-2013] O pasado venres comezou para os 34 usuarios/as das hortas urbanas de Bertamiráns o curso de formación no que aprenderán técnicas de cultivo sostibles para aplicar nas súas parcelas. Esta actividade formativa, organizada poloa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ames, está sendo impartida pola Asociación Lentura e dará aos participantes nocións teóricas e prácticas sobre as distintas posibilidades de cultivos sostibles que se poden levar a cabo nas hortas urbanas.
Nesta primeira xornada de formación, explicouse aos adxudicatarios das parcelas que os métodos de horticultura a empregar nas hortas serán en todos os casos sostibles, sen emprego de abonos fitosanitarios químicos. Ademais, indicouse que unha parte da formación versará sobre como loitar contra pragas ou enriquecer a terra de xeito natural.
Durante a charla, explicouse que a terra das parcelas das hortas urbanas de Bertamiráns xa foi tratada con abono orgánico natural peletizado, obtido por fermentación de esterco apto para a agricultura ecolóxica. O abono empregado contén calcio e magnesio, o que diminúe o PH e mellora as calidades organolépticas de froitos e flores.
A coordinadora das xornadas formativas destacou que pola época do ano no que nos atopamos, hai que traballar co obxectivo posto na horta de primavera, pensando os cultivos que se queren recoller nesa época. Por este motivo, entre os asistentes elaborouse unha táboa na que se reflicte todo o que a partir deste momento se pode ir plantando. A táboa, que inclúe máis de 50 cultivos posibles diferentes, dividiuse en vexetais de catro categorías: dos que se aproveitan os froitos, as follas, as raíces ou o talo.
De cara á próxima xornada formativa, que se celebrará esta tarde no Pazo da Peregrina, cada un dos/as usuarios/as deberá elixir os produtos que vai querer plantar, para determinar o espazo preciso para cada planta. Deste xeito, irase configurando a planificación de cada parcela atendendo ao gusto do adxudicatario e aos criterios técnicos precisos para obter uns resultados favorables.