Pestanas principais

Comeza o Club de Debate en Ames cunha xornada de formación na que participan 90 mozos e mozas dos tres centros de ensino de secundaria amesáns

Luns, 05 de febreiro de 2018

[05-02-2018] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu esta mañá a primeira das xornadas de formación preparatoria do Club de Debate 2018. A esta primeira xornada asistiron 90 rapazas e rapaces, integrantes dos 10 equipos do Concello de Ames, 3 do IES de Bertamiráns, 5 do IES do Milladoiro e 2 do Colexio de Alca. O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos. Esta formación continuará durante as próximas semanas nos propios centros de ensino, dirixida por Iván Olmos Ferreiro, experto en oratoria e habilidades comunicativas ademais de subcampión nacional e semifinalista mundial de debate. A iniciativa inclúe premios para os equipos gañadores das fases de zona e un premio final dunha viaxe en grupo.

O Club de Debate é un programa dirixido á mocidade que, por sétimo ano consecutivo, poñen en marcha diversos concellos galegos a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) e que incentiva e valora falar en público, a oratoria, o uso do galego oral e o pensamento crítico. Os concellos de organizan esta edición son Ames, Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela e Teo. No total, participarán 26 equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de bacharelato e de ciclos formativos.

A competición dividirase en tres fases de zona que terán como sede os concellos de Ames, Teo e Rianxo. Os equipos gañadores de cada unha destas fases competirán entre si o día 5 de maio na final galega que terá lugar no Concello de Ferrol. O tema da final é “As TIC favorecen o uso do galego”.

A fase de zona na que debaten os equipos de Ames celebrarase o día 22 de marzo no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Alí a rapazada dos tres IES de Ames debaterá sobre a igualdade entre homes e mulleres analizando se a mocidade do século XXI é feminista ou non. Os debates sucederanse ao longo de todo o día e serán abertos ao público. Desta xornada sairán os dous equipos gañadores que representarán ao Concello de Ames na final galega e recibirán un primeiro premio valorado en 500 euros e un segundo premio valorado en 300 euros.

Neste 2018, participan no Club de Debate dez equipos dos centros de ensino amesáns: 3 do IES de Ames, 10 do IES do Milladoiro e 2 do Colexio Alca. A alta participación, que practicamente duplicou a de anos anteriores, é unha mostra da boa acollida que ten a iniciativa entre a mocidade amesá.

Xornada de formación
Os 10 equipos participaron na primeira xornada formativa do Club de Debate, que se celebrou esta mañá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e tivo como obxectivo ofrecer un primeiro contacto entre o alumando e a iniciativa, dándolles a coñecer as dinámicas e o regulamento da actividade desta edición. Ao longo da xornada, tamén se achegaron diferentes recursos para a procura de información e a preparación da documentación precisa para o debate, así como recomendacións relativas ás habilidades comunicativas. A mañá rematou coa simulación dun debate sobre a presenza de especies de árbores invasoras nos montes galegos e como estes afectan nos incendios forestais.

O Club de Debate é un proxecto cooperativo xestionado polos SNL dos concellos organizadores, que procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente de xeito oral e tanto en contextos formais como informais. O galego é o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, tolerancia e o traballo en equipo. Diríxese, por tanto, a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización lingüística, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de fomentar a lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os e as participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).