Pestanas principais

Comeza o Club de Debate en Ames cunha xornada de formación na que participan 80 mozos e mozas

Venres, 08 de febreiro de 2019

[08-02-2019] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a primeira das xornadas de formación preparatoria do Club de Debate 2019. A esta primeira xornada asistiron 80 rapazas e rapaces, integrantes dos 9 equipos dos Concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo. Tres do IES de Bertamiráns e dous do IES do Milladoiro. O Club de Debate é unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e de ciclos formativos. Nos IES do Concello de Ames a formación continuará durante as próximas semanas nos propios centros de ensino, dirixida por Iván Olmos Ferreiro, experto en oratoria e habilidades comunicativas ademais de subcampión nacional e semifinalista mundial de debate. A iniciativa inclúe premios para os equipos gañadores das fases de zona e un premio final dunha viaxe en grupo.


Xornada de formación
Os 9 equipos participaron na primeira xornada formativa do Club de Debate, que se celebrou esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro e tivo como obxectivo ofrecer un primeiro contacto entre o alumando e a iniciativa, dándolles a coñecer as dinámicas e o regulamento da actividade desta edición. Ao longo da xornada, tamén se achegaron diferentes recursos para a procura de información e a preparación da documentación precisa para o debate, así como recomendacións relativas ás habilidades comunicativas. A mañá rematou coa simulación dun debate sobre "Os profesores/as deben ter máis autoridade nas aulas".

O Club de Debate é un proxecto cooperativo xestionado polos SNL dos concellos organizadores, que procura favorecer o uso da lingua galega por parte da mocidade, especialmente oral e tanto en contextos formais como informais. O galego é o código a través do cal os e as participantes amosarán a súa fluidez comunicativa, tolerancia e o traballo en equipo. Diríxese, por tanto, a un dos sectores estratéxicos no proceso de normalización lingüística, a mocidade, e faino co obxectivo xeral de fomentar a lingua galega activando o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os e as participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

O Club de Debate é un programa dirixido á mocidade que, por octavo ano consecutivo, poñen en marcha diversos concellos galegos a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) e que incentiva e valora falar en público, a oratoria, o uso do galego oral e o pensamento crítico. Os concellos de organizan esta edición son Ames, Dodro, Ferrol, Narón, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela e Teo. No total, participarán 25 equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de bacharelato e de ciclos formativos.

A competición dividirase en tres fases de zona que terán como sede os concellos de Ames, Teo e Rianxo. Os equipos gañadores de cada unha destas fases competirán entre si o día 11 de maio na final galega que terá lugar no Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra. O tema da final é “Falamos a lingua que escollemos”.

A fase de zona na que debaten os equipos de Ames, Compostela e Teo celebrarase o día 3 de abril, no centro sociocultural do Romaño, en Santiago de Compostela. Alí a rapazada debaterá sobre "É adecuado o uso de dispositivos móbiles nos centros educativos". Os debates sucederanse ao longo de todo o día e serán abertos ao público. Desta xornada sairán os dous equipos gañadores para a final galega e recibirán un primeiro premio valorado en 500 euros e un segundo premio valorado en 300 euros.

Neste ano 2019, participan no Club de Debate 5 equipos de centros de ensino amesáns: 3 do IES de Ames e 2 do IES do Milladoiro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Comienza el club de debate con una jornada de formación"
Compostela 24 horas: "Comeza o Club de Debate en Ames cunha xornada de formación na que participan 80 mozos e mozas"
El Correo Gallego: "Área aglutina ao 40 por cento dos equipos no Club de Debate 2019"