Pestanas principais

Comeza o ciclo de conferencias formativas que organiza o IES de Ames

Venres, 18 de xaneiro de 2013

[18-01-2013] Este xoves pasado comezou a sétima edición do ciclo de conferencias formativas que organiza o IES de Ames. Este ano a temática do ciclo de conferencias é o corpo. Baixo o título A voltas co corpo os profesores e profesoras desde centro de ensino impartirán doce charlas abordando esta temática dende diferentes puntos de vista. Ao acto de inauguración asistiron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, a directora do centro, Marisol Louro, e o profesor responsable do proxecto, Anxo Sampedro, que se encargou de facer a presentación do ciclo de conferencias. A primeira charla, que levou por título Medindo co corpo, foi impartida este xoves pasado pola profesora Pilar Tobar. Estas conferencias, ás que está convidada toda a comunidade educativa e a veciñanza amiense, terán lugar os xoves, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Antes de comezar coa primeira charla fíxose entrega dos premios do concurso de carteis, que tamén se enmarca dentro deste proxecto educativo.

Programa de conferencias
As conferencias terán lugar os xoves, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns agás aqueles que coincidan con períodos de vacacións ou épocas fortes de avaliacións. O carácter destas sesións é moi variado, desde exposicións que se poden cualificar de estritamente académicas a outras que teñen carácter de obradoiro, audicións musicais ou exhibición de obras de arte.

O Concello de Ames cede as instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns para desenvolver este ciclo, que continuará o xoves 24 de xaneiro coa conferencia 'O corpo: ferramenta e soporte da arte', a cargo da profesora Renata Otero. Para o 31 de xaneiro, Eva Garea ten previsto expoñer a charla titulada 'Cultura e deformacións corporais'. A quenda será a continuación para Suso Fidalgo, que o 7 de febreiro ofrecerá a conferencia 'Citius, altius, fortius...Cales son os límites?'. 'Plasticidad corporal' é o título da charla que impartirá Federico Bouza o 21 de febreiro. Xa para rematar ese mes, o xoves 28 Juan C. Yürss falará de 'El descubrimiento del cuerpo'.

Anxo Sampedro inaugurará o mes de marzo, o día 7, impartindo a conferencia 'Soma...e psique'. Xa no mes de abril, o día 11, J. Alberto Berriochoa ofrecerá a charla 'O corpo. Divagacións dun escéptico'. Para o día 18 de abril está prevista a conferencia 'A representación do corpo: do ideal ao real', que impartirá Fernando Sainz. O xoves, 25 de abril, Sonia Rohrer falará sobre o tema 'Homo musicalis'.

En maio, o día 9, Margarita Olivar dirixirá 'O corpo entre libros', unha exposición comentada de libros. Esta última sesión do ciclo incluirá, como xa ven sendo tradicional, unha degustación culinaria que leva por nome 'A corpo mantido'.

'O corpo: ferramenta e soporte da arte', 'Plasticidade corporal', 'Curando o corpo', 'O corpo. Divagacións dun escéptico' son algúns dos títulos das charlas que os profesores e profesoras do IES de Ames ofrecerán ao longo deste curso dentro do Ciclo de Exposicións de Formación Complementaria que organiza o departamento de Filosofía e que este ano leva como título xenérico A voltas co corpo. O ciclo comezou este xoves pasado, 17 de xaneiro, ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O acto de inauguración foi aberto polo profesor responsable deste proxecto, Anxo Sampedro que lembrou o éxito das edicións anteriores e agradeceu a colaboración do Concello de Ames coa cesión do espazo onde se van impartir as charlas. A este acto tamén asistiron o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a directora do IES de Ames, Marisol Louro. Bernardo Moar aproveitou a ocasión para felicitar en nome do Concello ao IES de Ames e aos seus profesores e profesoras “por esta iniciativa, que ten unha grande importancia para ampliar a formación e o coñecemento dos alumnos e alumnas”.

Moar tamén explicou que “a posta en marcha deste tipo de iniciativas pon de manifesto, unha vez máis, a calidade educativa do IES de Ames, un referente na comarca en eidos como a Filosofía. Esta calidade do IES non pasa desapercibida, xa que son moitos os premios e recoñecementos que vén recibindo o centro nos últimos tempos. Quero agradecer, tamén, aos profesores e profesoras do centro o seu esforzo por deseñar un amplo programa de formación complementaria que permite que, fóra das aulas, sigan ofrecendo coñecementos”.

É o sétimo ano que o IES de Ames organiza un ciclo temático no que implica á maior parte dos profesores e profesoras e de cuxas reflexións se beneficia toda a comunidade educativa. Non é a primeira vez pois que as familias dos alumnos e das alumnas, o propio alumnado e profesorado e a veciñanza de Ames asiste a un ciclo de exposicións complementarias como este. Nas edicións anteriores os temas sobre os que se traballou desde os distintos departamentos do Instituto foron os gregos, a ciencia, a auga, o amor e as viaxes. Este ano, profesores e profesoras de distintas disciplinas traballarán sobre o corpo humano.

A actividade está pensada para os alumnos de Bacharelato ou de cuarto da ESO. En todo caso, o obxectivo que se persegue é romper o esquema expositivo das aulas, para que non se trate dunha lección máis. As sesións, cunha duración en torno aos sesenta minutos, constan dunha primeira parte expositiva, duns corenta, e un coloquio que se prolonga arredor dos vinte minutos. A asistencia a este ciclo de conferencias é libre.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Comeza o ciclo de conferencias formativas que organiza o IES de Ames"