Pestanas principais

Comeza a instalación en Ames dos colectores e bidóns para a reciclaxe de aceite doméstico

Xoves, 10 de decembro de 2015

[10-12-2015] A partir de mañá, e ao longo da próxima semana, comeza a instalación en Ames de colectores e bidóns para a recollida de aceite doméstico usado. Esta acción enmárcase nunha iniciativa da concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para incentivar a recolleita deste residuo, altamente contaminante. Calcúlase que no municipio se producen ao ano aproximadamente 210.000 litros de aceite usado.

A entidade Procesadora de Alimentos Gallegos, que opera xa en varios municipios galegos, é a encargada de instalar os colectores, de recoller o aceite e de procesalo para a produción de bio-diésel. Como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, “búscase non só a reciclaxe deste residuo senón tamén evitar o seu vertido aos sumidoiros, evitando así a contaminación dos acuíferos”. A concelleira explica que “esta medida tamén conseguirá facilitar o proceso de saneamento das augas residuais, abaratando o custo das depuradoras”.

Instalaranse dous tipos de contedores distintos: colectores e bidóns. Os colectores teñen unha capacidade de 208 litros, e a vantaxe de que neles se pode depositar o aceite directamente nun envase de plástico, sen que sexa necesario o vertido do líquido. Distribuiranse en total 27 colectores: 12 no Milladoiro, 8 en Bertamiráns, 1 na urbanización das Mimosas e outro na urbanización de Aldea Nova; así como en cada unha das parroquias máis poboadas de Ames: Ames, Bugallido, Covas, Ortoño e Biduído. Os bidóns distribuiranse nas 6 parroquias restantes. Dependendo da cantidade de aceite usado que se deposite nestes últimos estudarase a instalación, no seu lugar, de colectores.

Unha vez colocados todos os contedores nos distintos puntos de recollida publicarase na páxina web do Concello un rueiro no que aparecerán sinalados, para facilitar así a reciclaxe do aceite usado aos veciños e veciñas de Ames. A concellaría de Medio Ambiente levará a cabo unha campaña informativa, para explicar aos amesáns e amesás como empregar os colectores e como se procesa o aceite, ao mesmo tempo que se intenta concienciar á poboación da importancia de darlle unha segunda vida ao aceite, así como do dano que o seu vertido pode provocar ao medio.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames podrá reciclar aceite doméstico con sus 27 contenedores"
La Voz de Galicia:"Comienza la instalación de 27 contenedores de aceite usado"