Pestanas principais

Comeza a impartirse a formación do programa integrado para o emprego “InserAmes-Brión X” no que participan 85 alumnos/as

Sábado, 24 de febreiro de 2018

[24-02-2018] O pasado 1 de decembro deu comezo unha nova edición do programa integrado para o Emprego “InserAmes-Brión”. Nesta ocasión aténdese a 85 participantes dos concellos de Ames e Brión, desempregados e menores de 30 anos. Para elo cóntase co traballo de 2 titores/as. O obxectivo principal do programa é a inserción laboral dos participantes ou, cando menos, mellorar a súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións, adaptando o seu “itinerario” en función do seu perfil individual e as súas expectativas. O “X InserAmes-Brión” parte cun obxectivo de inserción do 40% sobre o total dos participantes. Esta semana comezou a formación do alumnado participante.

Dende o pasado 1 de decembro os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo a décima edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión, que conta cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 204.000 euros. O Concello fai unha achega de fondos propios de 40.369,90 euros o que se supón que se dedica un orzamento total 244.369,90 de euros. Deste proxecto beneficiaranse 85 participantes que contan co apoio de 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se imparten diversas accións formativas, transversais e específicas, realízanse prácticas non laborais en empresas e que conta cun servizo de titorías individuais, ademais de outras actividades (prospección, intermediación laboral con empresas, etc).

A concelleira de Promoción económica, Isabel González, explica que “durante os primeiros meses da actividade do programa realizouse o proceso de selección de participantes e a primeira rolda de entrevistas individuais de acollida para establecer a situación de partida de cada persoa participante. Neste mes de febreiro deu comezo a actividade formativa do programa integrado. Este ano cúmprese o décimo aniversario deste programa, que nas últimas cinco edicións, dende o ano 2013, estase executando en colaboración co Concello de Brión. Agardamos obter tan bos resultados coma nas edicións anteriores nas que se superou o 40% de insercións”.

Durante a segunda quincena de febreiro comezáronse a impartir os primeiros obradoiros relacionados coa procura activa de emprego. O venres, 16 de febreiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas impartiuse o curso de recursos e ferramentas para a procura de emprego (CV, carta, correo electrónico, portais de emprego, autocandidatura, redes sociais, Apps...), mentres que o xoves 22, en horario de 10:00 a 13:00 horas impartiuse o obradoiro de competencias e habilidades sociolaborais para a procura de emprego (autocoñecemento, obxectivo profesional, habilidades...). O vindeiro mércores, 28 de febreiro, de 9:00 a 14:00 horas, impartirase o taller de procesos de selección.

Proximamente dará comezo a formación para o emprego. Esta formación máis específica estrutúrase en itinerarios sectoriais, con cursos monográficos, prácticas non laborais e cursos complementarios (itinerarios de comercio/loxística; de actividades de ocio e tempo libre, e de servizos).

Actividades para a procura de emprego e formación transversal
As actividades que se levan a cabo a través deste programa son titorías individuais para asesorar aos participantes na procura de emprego e formación transversal en novas tecnoloxías, idiomas, prevención de riscos laborais, manipulador de alimentos, manexo de maquinaria (plataforma elevadora, carretilla elevadora, retráctil, etc.). Tamén se imparten obradoiros para a busca activa de emprego e obradoiros de procesos de selección e entrevistas de traballo.

Ademais, fórmase ao alumnado en habilidades sociolaborais, coaching e motivación para a procura de emprego, tanto por conta propia como allea; foméntase a capacidade emprendedora, a prospección empresarial e mailo emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes. Outra parte importante da formación que se imparte céntrase nos itinerarios formativos sectoriais e nas prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctico das accións formativas. Por último, impartiranse talleres sobre mobilidade laboral.

Por outra banda, disponse dunha plataforma de formación on line, na que os participantes poden escoller entre unha gran oferta formativa de todas as familias profesionais, de forma que podan ir complementando o seu itinerario, e mesmo, ter máis flexibilidade para a realización das accións, tanto en horarios como en tempo, coa vantaxe de poder facelas dende a casa, facilitando a conciliación.