Pestanas principais

Comeza hoxe un ciclo de sesións sobre alimentación saudable para o alumnado de 2º da ESO de Bertamiráns e do Milladoiro

Martes, 19 de abril de 2016

[19-04-2016] O Concello de Ames, o IES de Ames e o IES do Milladoiro coordináronse para impartir un obradoiro de alimentación saudable ao alumnado de 2º da ESO de ambos centros. Profesionais sanitarios dos Centros de Saúde de Bertamiráns e do Milladoiro achegaranse aos institutos para ofrecer a rapazas e rapaces información sobre hábitos de vida saudables. As charlas convidan ao alumnado a reflexionar sobre alimentación e nutrición para a construcción un criterio saudable respecto aos hábitos alimentarios e detectar situacións de risco de cara a prevención.

Hoxe no IES de Milladoiro ten lugar a primeira sesión ás 17:20 horas. O alumnado de 2º de ESO poderá escoitar á doutora Mª Madalena Seco Otero, coordinadora do Centro de Saúde do Milladoiro, que reflexionará con eles sobre os distintos aspectos que fomentan hábitos de vida saudables: nutrición, as horas de descanso, o establecemento dun horario ou o exercicio físico. O 26 e o 27 de abril impartirase a segunda sesión, repartida en dous días debido ao volume de alumnado do centro. Áurea Brea Fernández, psicóloga sanitaria especialista en desordes alimenticios, e Rosana Martínez Lago, técnica nutricionista municipal, falarán cos rapaces e rapazas sobre autoestima, autoimaxe, a influencia da publicidade na percepción que as persoas teñen de si mesmas ou dos falsos mitos en nutrición.

O contido traballado coas alumnas e alumnos do IES do Milladoiro retomarase no IES de Ames. O seu alumnado contará neste caso coa presencia do pediatra do Centro de Saúde de Bertamiráns José Fernández Bustillo na primeira sesión o día 2 de maio. A segunda volverá ser conducida pola psicóloga Áurea Brea Fernández e pola técnica nutricionista municipal, Rosana Martínez Lago, o día 3 de maio.

Para rematar este ciclo sobre alimentación saudable os centros educativos e o Concello convidarán ás nais e aos pais do alumnado de ambos IES a participar noutro obradoiro de nutrición. Estas actividades enmárcanse no programa Ames Saudable, posto en marcha no momento da adhesión do Concello de Ames á Rede Española de Cidades Saudables.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Sesiones sobre alimentación saludable para alumnado de ESO"