[07-12-2012] A semana pasada comezaron a traballar catro novos operarios, en colaboración coa concellaría de Vías, Obras, Parques, Xardíns e Patrimonio, que durante os próximos tres meses levarán a cabo tarefas de mantemento das infraestruturas viarias, limpeza de vías urbanas e zonas verdes de titularidade municipal. Esta nova brigada está sufragada a través do Plan Provincial de Emprego 2012 da Deputación Provincial da Coruña. Os traballos que se están executando son a limpeza das zonas de xogo dos parques infantís e da súa contorna. Unha vez rematen estes traballos tamén se encargarán de acondicionar as beirarrúas do rural amiense. Deste xeito, Ames terá renovados e mellorados os seus parques infantís de cara ao próximo ano. A través deste grupo de traballo refórzase a plantilla da brigada municipal de obras.
O goberno municipal non só se preocupa por executar novas infraestruturas se non que tamén mantén e acondiciona as que xa ten. Deste xeito, o Concello de Ames, a través do Plan Provincial de Emprego 2012 para levar a cabo tarefas de mantemento de infraestruturas viarias, limpeza de vías urbanas e zonas verdes de titularidade municipal, dispón dunha nova brigada que está acondicionando os parques infantís, para que estean en perfectas condicións despois do inverno. Este grupo de traballo, que está sufragado pola Deputación da Coruña, está composto por catro operarios.
Os traballos de mantemento que están levando a cabo nos parques infantís recollen unha exhaustiva limpeza das zonas de xogo e do seu contorno (arrincar as malas herbas que hai na zona de área dos parques, rastrillar as follas das árbores que hai no chan, repoñer área na zona de xogos, etc.). Os traballos comezaron o pasado 29 de novembro e desenvolveranse durante tres meses. Os integrantes da nova brigada empezaron os seus traballos no parque infantil da Condomiña, que xa está totalmente acondicionado. Esta semana están traballando nos parque infantil de Ventín. Unha vez acondicionado este parque seguiran co acondicionamento do parque infantil da urbanización de Aldea Nova.
O concelleiro de Vías, Obras, Parques, Xardíns, e Patrimonio, Alfredo Taboada, visitou o parque da Condomiña para ver de primeira man os traballos que estaba realizando esta nova brigada. Taboada explicou que “este grupo de traballo que reforzará a brigada de obras encargarase de poñer a punto os parques infantís municipais e as beirarrúas das parroquias amienses do rural. Trátase de traballos de mantemento das infraestruturas municipais que son moi necesarios para un correcto uso destas instalacións por parte dos veciños e veciñas amienses”.
No Concello de Ames existen un total de 19 parques infantís con zona de area. Esta zona de xogo é necesario acondicionala con asiduidade xa que nela nacen malas herbas e caen follas na época de Outono que provocan que os parques non estean en perfectas condicións para a súa utilización. Esta brigada ten previsto acondicionar todos estes parques infantís que dispoñen de zona de xogo con area para que poidan ser empregados por todos os nenos e nenas que así o desexen.
Mantemento das beirarrúas na zona rural
Unha vez rematen os traballos de acondicionamento dos parques infantís, os operarios desta brigada encargaranse da limpeza das beirarrúas da zona rural amiense. As beirarrúas co paso do tempo van acumulando sedimentos, que pouco a pouco atascan os pasos de auga e nos que medran as malas herbas. Iso provoca atrancos na circulación da auga da choiva.
Polo tanto, realízanse traballos de limpeza dos sumidoiros e de retirada das malas herbas existentes nas beirarrúas. Estes traballos desenvolveranse nas beiras de varias pistas das parroquias de Biduído, Covas, Ortoño, Ames, Bugallido, Agrón e na Ameixenda para eliminar terra e vexetación.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames comeza a acondicionar os parques infantís e as beirarrúas do rural"
La Voz de Galicia: "Comienza a trabajar en Ames una brigada para la limpieza de 19 parques infantiles"




