[08-02-2013] O Concello de Ames, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), puxo en marcha unha nova edición do programa de reforzo educativo dirixido aos rapaces e as rapazas de Ames. Esta actividade está destinada ao alumnado que está cursando a Ensinanza Secundaria Obrigatoria nos centros educativos de Ames. Deste xeito ofréceselle a posibilidade a todos os rapaces e rapazas de complementar os seus estudos con clases de apoio encamiñadas a potenciar o rendemento académico do alumnado. As clases comezaron o pasado 6 de febreiro e desenvolveranse ata o vindeiro 29 de maio, en horario de 16:30 h a 19:30 horas, no IES de Ames. O concelleiro de Xuventude, Bernardo Moar, asistiu á primeira xornada desta actividade para animar aos rapaces e rapazas a que aproveiten estas clases de reforzo.
Unha vez máis esta actividade, que está destinada ao alumnado da ESO, tivo unha importante demanda dentro do colectivo de estudantes do concello. Das 48 prazas ofertadas xa se completaron un total de 42. Na área de letras de 1º e 2º da ESO inscribíronse 20 rapaces e rapazas, mentres que na área de ciencias de 1º e 2º da ESO hai 22 prazas ocupadas.
Polo tanto, aínda quedan 6 prazas libres. Os rapaces e rapazas que estean interesados/as deben darse présa para realizar a inscrición. Para apuntarse neste servizo hai que enviar un correo electrónico a omix@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 616 083 229. Terán preferencia na adquisición de praza os alumnos/as que deriven dos centros educativos amienses. O prazo de inscrición estará aberto ata completar todas as prazas ofertadas.
O obxectivo deste servizo é conseguir que o alumnado estableza durante o curso académico uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos seus estudos. Nestas Aulas de reforzo educativo trabállase o apoio educativo nas diferentes materias, a resolución de dúbidas, a preparación de probas e traballos académicos, e a impartición de actividades específicas de motivación ao estudo encamiñadas a potenciar o rendemento académico do alumnado, etc.
Establécense catro áreas de formación (ciencias e/ou letras tanto de 1º como de 2º ciclo de ESO), adaptadas segundo os intereses e necesidades do alumnado. Cada alumno/a pode participar nunha ou dúas áreas segundo as súas necesidades. As clases comezaron o pasado 6 de febreiro e desenvolveranse ata o vindeiro 29 de maio, en horario de 16:30 h a 19:30 horas, no IES de Ames.
Impresos de inscrición
As follas de inscrición están dispoñibles para o alumnado interesado no IES de Ames que se encargará do seu reparto e posterior recollida. Os alumnos interesados tamén poden solicitar a súa folla de inscrición na secretaría do centro e entregala no mesmo lugar. Ademais, o impreso de inscrición poderase recoller e entregar na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), situada na Casa do Concello (os luns, mércores e xoves) e no Punto de Información Xuvenil (PIX) da Casa da Cultura do Milladoiro (os martes e venres).





