Pestanas principais

Comeza a funcionar o Observatorio de Educación do Concello de Ames

Luns, 30 de novembro de 2015

[30-11-2015] Esta mañá o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, mantiveron unha xuntanza con varios membros do instituto universitario de estudos e desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela para abordar a elaboración do mapa de necesidades educativas do Concello de Ames. Esta é a primeira actuación que se contempla dentro do Observatorio de Educación que creou o goberno municipal para dispor do devandito mapa e dunha ferramenta de participación da comunidade educativa. Este Observatorio é un proxecto pioneiro, o primeiro en Galicia, de información e participación veciñal no ámbito educativo. O proxecto do mapa escolar de necesidades educativas xa foi presentado e consultado coas ANPAS do Concello a principios do mes de novembro. Este traballo terá un custo aproximado de 9.500 euros, máis IVE.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “a primeira das actuacións, contratada á Universidade de Santiago, está relacionada coa actualización do mapa de necesidades educativas e unha páxina web interactiva. Da súa elaboración encargarase o mesmo equipo de traballo que elaborou ás edicións anteriores de 2005 e 2008. Cómpre lembrar que o Concello de Ames xa dispón de dúas edicións do mapa de necesidades educativas. Esta é a terceira edición”.

Santomil engade que “o Observatorio de Educación ten como obxectivo contribuír ao noso coñecemento sobre a situación da educación en Ames e así facer unha achega ao debate, con propostas sobre como mellorala. A idea é avanzar na comprensión do sistema de educación coa avaliación rigorosa da evidencia. A creación do Observatorio de Educación, do mapa de necesidades educativas, e do Consello escolar municipal, do que se está redactando o regulamento e botará a andar en 2016, permitirá ter unha visión global da comunidade educativa de Ames e coñecer cara onde hai que enfocar as políticas educativas nos vindeiros anos”.

O Observatorio de Educación de Ames pretende ser un instrumento que reúna a información necesaria para crear unha xestión mais eficiente e efectiva do sistema educativo do concello de Ames. Tratase dunha base de datos dixital, formada por indicadores importantes para a análise dos recursos existentes de apoio á educación, e que permitirá a identificación das necesidades tanto da poboación coma dos centros.

A vindeira semana o grupo de traballo do instituto universitario de estudos e desenvolvemento de Galicia (IDEGA), da Universidade de Santiago de Compostela, comezará a traballar coa recompilación dos datos do padrón municipal e da cartografía.

A través deste traballo preténdese reflectir a realidade educativa do concello de Ames, utilizando ferramentas académicas. O obxectivo deste observatorio, é achegarse polo miúdo á realidade educativa do concello de Ames. Ver cales son os problemas que se lle presentan en canto á capacidade educativa e situación académica da poboación, así como avaliar os servizos prestados.

Rede municipal de comedores escolares e servizos complementarios
Neste senso, prestarase especial atención aos comedores escolares, dada a importancia e protagonismo que teñen neste momento coma consecuencia das necesidades en materia de conciliación familiar e as condicións económicas actuais de moitas familias. Entre os obxectivos tamén está a análise da mobilidade estudantil vendo a situación do transporte escolar público (tipoloxía, itinerarios e coberturas); así como o estudo doutros servizos ofertados tales como o o banco de libros ou as actividades extraescolares. Neste apartado tamén se considerarán os servizos de conciliación: Bos Días Cole, Tardes Divertidas, programas Lúdicos e actividades extraescolares, analizando os centros nos que se ofertan, así como o grao de demanda.

Deste xeito, o Observatorio da educación converterase nunha ferramenta estratéxica á hora de identificar as debilidades e necesidades en materia educativa, de servizos e equipamentos, co fin de facilitar a súa solución; dar a coñecer as virtudes do sistema educativo e que sirvan de exemplo para outras zonas; e permitir unha mellor planificación no momento que se cartografíen os espazos de prioridade da oferta educativa de cada centro para a poboación e a mobilidade desta.

Para tratar estes temas, no traballo utilizaranse diversos indicadores organizados en base a seis grandes categorías: Caracterización demográfica, Centros escolares, Poboación en idade educativa, Servizos ofertados, Dotación de TICs e Resultados académicos.

Ferramentas do Observatorio de Educación
Co Observatorio de Educación, daranse saída a unha serie de produtos tales como a creación dunha metodoloxía de análise da realidade educativa no concello de Ames en base á concreción dun conxunto de indicadores; unha base de datos relacional que recolla toda a información dos indicadores sobre o concello; un Sistema de Información Xeográfica que permitirá vincular a base de datos xerada con cartografía base. Deste xeito poderase xerar un conxunto de mapas temáticos que sinteticen a realidade para cada un dos indicadores analizados e mesmo a correlación entre algún deles.

Ademais disporase dun informe sobre a caracterización e a oferta educativa, na que se poría de manifesto a oferta e a demanda educativa por tramos de idade, así como as fortalezas e debilidades do sistema educativo do concello (DAFO). Este informe aportará textos explicativos en base aos indicadores analizados e se acompañará de cartografía temática; e un Portal Web a través do cal os cidadáns do concello de Ames e centros educativos poderán consultar os resultados.

O traballo desenvolverase nun período de tres meses. Debido a gran cantidade de información e indicadores a utilizar neste traballo, executarase en dúas fases. Na primeira fase porase de manifesto os datos máis xenéricos e principais nos que xa se representen a realidade educativa do concello de Ames, mentres que na segunda será onde se realizaría un estudo máis en detalle e pormenorizado de todos os indicadores.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El nuevo Observatorio de Educación de Ames arrancará creando un mapa de necesidades"
El Correo Gallego: "Ames inaugura el primer observatorio para calibrar necesidades en educación"