Ames conta cun novo mercado. Este sábado, 20 de setembro, comezou a funcionar o mercado de produtos da horta e artesanía, que vai a celebrarse todos os sábados na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Nesta primeira xornada, o mercado estivo composto por 11 postos de produtos frescos e artesanía, e 1 posto onde a veciñanza puido degustar, de forma gratuíta, froita de tempada de produtores/as da contorna. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado. Esta iniciativa, enmarcada dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames, pretende fomentar o consumo de produtos de proximidade, dinamizando a economía e a produción local.
A praza da Maía, en Bertamiráns, acolleu esta mañá o acto de inauguración do novo mercado de produtos da horta e artesanía. En dito acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, persoal municipal do departamento de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja, a responsable da dinamización do mercado da empresa Mesquiteira, Carmen Freire, e o presidente de XEA, Ramón Cordido. Contou tamén coa xerente do GDR Terras de Compostela e coa presenza de concelleiros e concelleiras da corporación, tanto do goberno como da oposición.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o novo mercado que poñemos en marcha hoxe é un paso máis deste Goberno municipal polo noso, polo produto de proximidade. Deste xeito, os veciños e veciñas do noso concello e de outros municipios limítrofes poden comprar produtos de proximidade de horta e tamén produtos artesáns. Ofrecemos un novo servizo á cidadanía e ao mesmo tempo os produtores locais e artesáns dispoñen dun lugar para poder vender e dar a coñecer os seus produtos. Este mercado forma parte da Axenda Urbana do noso concello que aprobamos xa hai un par de anos e que está sufragado con fondos europeos a través do GDR Terras de Compostela, que hoxe está aquí representado por Chefa Fernández, a xerente”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “neste mercado de horta e artesanía haberá postos con produtos ecolóxicos e de tempada. Tamén haberá cata de produtos, concursos de tapas, sorteo de diferentes produtos como cestas de Nadal e dunha fin de semana nunha casa rural, obradoiros de artesanía e de cociña, charlas, etc. Este novo mercado vaise a celebrar todos os sábado pola mañá na praza da Maía, en horario de 10.00 a 13.30 horas, dándolle pola tarde continuidade co tradicional mercado de rúa de Bertamiráns”.
Durante esta inauguración tomaron a palabra productores e consumidores que animaron a continuar ampliando e este mercado.
Visita aos postos do mercado
Trala inauguración do mercado, realizouse unha visita polos diferentes postos. Nesta primeira xornada, o mercado estivo composto por 11 postos de produtos frescos e artesanía, e 1 posto onde a veciñanza puido degustar, de forma gratuíta, froita de tempada de produtores/as da contorna. Durante esta primeira xornada do novo mercado tamén se repartiron bolsas da campaña de promoción do comercio local “En Ames témolo todo”.
Nestes postos a veciñanza pode atopar froitas, hortalizas, conservas e produtos elaborados e de horta, ovos, flores, rosquillas, doces, pan artesán, alimentos ecolóxicos de tempada, cogomelos, artesanía en téxtil, artesanía en encadernación, produtos de ganchillo, bixutería e produtos de artesanía elaborada con produtos de reciclaxe. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado.
Degustacións, obradoiros e sorteo de produtos
Ademais de postos de venda, o mercado contará con cata e degustación de produtos, obradoiros de artesanía e cociña, e sorteo de produtos. O vindeiro sábado, 27 de setembro, farase unha demostración de cociña a cargo do chef José Manuel Mallón, a través do GDR Terras de Compostela.
Trátase dunha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello. Ademais, tamén se busca potenciar e reforzar o sector primario dentro da economía amesá, promocionando o consumo de produtos de proximidade.
Solicitude de participación
O prazo para poder montar un posto no novo mercado estará aberto ao longo de todo o ano. A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.
Mercado de rúa os sábados pola tarde
Este novo mercado únese ao tradicional mercado de rúa de Bertamiráns que se celebra os sábados pola tarde nas mesmas rúas que se vén facendo habitualmente: Entrerríos, Ameneiral e no perímetro habilitado na praza do Concello. Así mesmo, o horario continuará sen cambios, sendo en verán de 16.40 a 20.30 horas e no inverno de 16.40 a 19.30 horas.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Arranca el mercado artesanal y de huerta en Bertamiráns"





