[22-11-2011] Onte á tarde, ás 16.30 horas, comezou a funcionar o mercado do Milladoiro na Praza Manuel Murguía. Á posta en funcionamento asistiu o alcalde de Ames, Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Promoción Económica, Comercio, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, e doutros concelleiros do grupo de goberno. Tamén asistiron membros do grupo municipal socialista, así como asociacións de comerciantes e empresarios do Concello. Segundo explica o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, o novo mercado conta con ofertas e importantes novidades con respecto ao de Bertamiráns. Entre as novidades destaca que haberá un polbeiro durante todo o día, tres postos de artesanía, unha adega das Rías Baixas poñerá á venda o seu Albariño, haberá tamén un posto de queixos, un posto de plantas, e sete postos de venda de produtos ecolóxicos (froitas, hortalizas, etc). Tamén contará con dous postos de churros, e os típicos postos de calzado e téxtil. Ofertarase unha zona específica para alimentación e produtos da horta.
No primeiro día do mercado ofrecéronse actividades para nenos. Entre as 16.30 e as 20.00 horas a escola de música Allegro, situada na Rúa Raxoeira ofreceu aos máis cativos o programa "coñece o país da música" a través de xogos, canto, baile, cancións, instrumentos etc. Tamén contaron, na Galería de Arte Di Carvalho sita na mesma Praza de Manuel Murguía, con actividades que lles permitiron achegarse ao mundo da Arte e facer os seus primeiros bocetos dun cadro. Pensando en todos os públicos, e non só nos máis cativos, dende as 18.30 ás 19.30 horas convidouse aos asistentes a un chocolate con churros das dúas churrerías.
O novo mercado do Milladoiro conta cun total de 70 postos pero nace cun claro obxectivo de ampliación para que nun corto prazo se poidan incrementar o número de postos así como a oferta comercial. Está previsto que este mercado abra nos meses de inverno de 16.30 a 19.30 horas, e no verán de 16.30 a 20.30 horas. O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, explicou que os comerciantes do Milladoiro e moitos vendedores ambulantes levan anos demandando este mercado e amosouse sorprendido ante a gran expectación e aceptación que está a ter a iniciativa, agora "só espero que a apertura do mercado lle dea un importante impulso á economía do Milladoiro, e que se achegue ata el moita xente cada luns" asegura Moar.
No Pleno celebrado a principios de setembro, correspondente ao mes de agosto, aprobouse cos votos do grupo municipal popular e cos do grupo socialista a modificación do Regulamento de venda ambulante do Concello de Ames. Naquel momento o concelleiro Bernardo Moar levara a pleno a proposta de dotar dun novo mercado ao núcleo do Milladoiro e ampliar o de Bertamiráns á Praza da Maía. A iniciativa de Moar contou dende o principio co apoio de comerciantes, asociacións de vendedores ambulantes e da Mesa Local de Comercio.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Tibio comienzo para el nuevo mercadillo de Milladoiro"




