Pestanas principais

Comeza a funcionar a nova sala de videovixilancia instalada nas dependencias municipais da Policía Local

Xoves, 23 de maio de 2019

O Concello de Ames estivo traballando na mellora da seguridade do parque empresarial Novo Milladoiro e da urbanización de Aldea Nova a través dun novo sistema de videovixilancia. En decembro de 2016 instaláronse tres cámaras de videovixilancia nos tres puntos de acceso a dito parque empresarial (rúa das Oliveiras, rúa das Hedras e rúa das Palmeiras). Ademais, agora vén de colocarse unha cuarta cámara de videovixilancia na entrada da urbanización de Aldea Nova, tal e como fora acordado na Xunta Local de Seguridade hai algo máis dun ano. A nova sala de videovixilancia estará ubicada nas dependencias da Policía Local de Ames e serán os propios axentes quen realicen o seguimento de ditas cámaras desde unha aplicación que se habilitou nas oficinas da rúa Alcalde Lorenzo. O obxectivo é mellorar a convivencia cidadá e a prevención de delitos relacionados coa seguridade pública.

Co obxectivo de mellorar a seguridade no parque empresarial Novo Milladoiro colocáronse tres cámaras de videovixilancia que están situadas nos accesos da área industrial como son a rúa das Oliveiras, a rúa das Hedras e maila rúa das Palmeiras. Estas cámaras xa levan funcionando dende o pasado mes de decembro de 2016. A colocación destes dispositivos, que foron financiados a través dunha axuda da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, contaron coa aprobación da Comisión de Garantías para a Videovixilancia e reduciron o número de roubos que se tiñan producido nos meses previos á instalación de ditas cámaras. Agora, vén de colocarse unha cuarta cámara de videovixilancia na rúa de Costaneira, principal punto de acceso á urbanización de Aldea Nova.

Ao final de 2017 e comezos de 2018, período no que se produciron numerosos roubos e intentos de roubos na urbanización de Aldea Nova, o alcalde e mailo concelleiro de Tráfico, xunto cos mandos da Policía local e da Guarda Civil, mantiveron unha xuntanza coa directiva da urbanización de cara a explicar o proceder nestes casos e trasladar a información correspondente. En dita reunión, os veciños/as solicitaron a posibilidade de instalar cámaras na urbanización co obxectivo de poder ampliar a seguridade da zona.

Desde o Concello realizouse unha memoria e solicitude á Comisión de Garantías para a videovixilancia e por medio da Subdelegación de Goberno, resultando autorizada a instalación de cámaras de videovixilancia ante a existencia de edificios municipais como son o Centro de usos múltiples e o Centro de formación e emprego, con material importante. Tras dita autorización o Concello acaba de instalar dita cámara e mellorar o servizo de videovixilancia a través dunha aplicación e novo sistema de seguimento que será controlado polos axentes da Policía Local dende unha aplicación instalada nas oficinas municipais da rúa Alcalde Lorenzo.

O obxectivo desta iniciativa é incrementar a seguridade neste lugares. As imaxes serán almacenadas nun RAC do departamento municipal de informática e só poderán acceder a estas os axentes da Policía Local. O fin único e exclusivo da colocación destes dispositivos é previr posibles delitos dentro de dito parque empresarial e na urbanización de Aldea Nova. No caso doutras urbanizacións o goberno tamén realizou a solicitude fronte á Subdelegación e despois da última Xunta Local de Seguridade, aínda que nesta ocasión xa se advertiu da imposibilidade de colocación de ditas cámaras, por un lado debido ás múltiples entradas e saídas que dificultan a videovixilancia, e por outro ante a inexistencia de edificios de titularidade municipal aos que dar servizo.

A colocación das tres cámaras instaladas no parque empresarial Novo Milladoiro foi sufragada nun 80% a través dunha axuda concedida pola Consellería de Industria. Así, a Xunta de Galicia realizou unha achega de 22.000 euros, mentres que o Concello puxo o 20% restante. A cámara instalada na entrada de Aldea Nova tivo un custo de 2.530 euros, financiados con fondos propios municipais. En total, nas catro cámaras, investíronse preto de 25.000 euros.

Teléfono de emerxencias 092
Por outra banda, o Concello acaba de habilitar o teléfono de urxencias 092, que é atendido polos axentes da Policía Local. Trátase dun servizo de atención á veciñanza ao que os veciños e veciñas poden chamar para dar avisos sobre calquera tipo de incidencia. Este servizo súmase ao número de teléfono da Policía Local de Ames; 619 76 75 75, que xa existía con anterioridade para poñerse en contacto cos axentes do corpo de seguridade amesán.

Desde o goberno municipal levábase traballando desde o ano pasado para a consecución desta nova numeración curta máis doada de recordar e que chega gracias ao novo contrato de telefonía, que foi adxudicado recentemente, despois do proceso de concurso. O Concello comezará agora unha campaña informativa polos núcleos urbanos e rural de cara a dar a coñecer o teléfono de urxencias 092.

Ligazóns

Comeza a funcionar a nova sala de videovixilancia instalada nas dependencias municipais da Policía Local