Pestanas principais

Comeza a funcionar a nova sala de estudo da biblioteca municipal de Bertamiráns

Sábado, 17 de setembro de 2016

[17-09-2016] Este venres, 16 de setembro, comezou a funcionar a nova sala de estudo da biblioteca municipal de Bertamiráns. Este proxecto, que foi sufragado a través de fondos da Deputación Provincial da Coruña, executouse nas aulas 1 e 2 do primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns. A nova sala habitouse de forma anexa á propia biblioteca. A incompatibilidade de usos fixo necesaria unha reforma, que foi solicitada polos usuarios e usuarias da biblioteca municipal dende hai anos. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e maila concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, visitaron esta semana as novas instalacións antes da súa apertura.

Dende este venres, 16 de setembro, a nova sala de estudo da biblioteca municipal de Bertamiráns está operativa. O deseño foi escollido polos propios usuarios e usuarias a través dunha enquisa telemática posta en marcha pola concellaría de Educación e Cultura. O custe das obras, 6.000 euros, foron financiados a través da liña de subvencións de equipamentos e infraestruturas culturais da Deputación da Coruña.

A Casa da Cultura de Bertamiráns, onde está situada a biblioteca municipal, xa conta coa súa propia aula de estudo. Un servizo que levaban tempo solicitando os propios usuarios e usuarias, e que equipara as infraestruturas situadas na Casa da Cultura de Bertamiráns ás da biblioteca municipal do Milladoiro. Entre o 1 e o 15 de febreiro deste ano a Concellaría de Educación e Cultura abriu o prazo de votación telemática para escoller, entre tres opcións dispoñibles, o deseño deste espazo.

A aula de estudo nace da unificación das salas 1 e 2 que se atopaban no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, e cuxas actividades foron trasladadas ao Pazo da Peregrina. Ocupa o espazo anexo á área infantil e de préstamo bibliotecario. Conta con cinco mesas e vinte cadeiras, ademais de tomas de corrente para os ordenadores portátiles; a opción máis votada polos usuarios e usuarias. Abrirá as súas portas de 8:00 a 22:30 horas entre semana, e de 9:00 a 14:00 horas os sábados.