[17-08-2011] O Concello de Ames conta cunha nova brigada que se está encargando do mantemento, reparación e mellora dos espazos públicos do termo municipal de Ames, tanto no ámbito rural como nos principais núcleos urbanos, Milladoiro e Bertamiráns. Este grupo de traballo está formado por un carpinteiro, un albanel, un pintor e catro peóns. O servizo desta brigada está subvencionado pola Consellería de Traballo dentro da concesión de axudas correspondente ao Programa de cooperación das entidades locais para a contratación de persoas desempregadas posto en marcha pola Xunta de Galicia. A súa labor é manter en bo estado as instalacións e espazos públicos municipais (prazas, xardíns, etc.), así como limpar e reparar as beirarrúas e sinais das estradas da rede viaria do termo municipal. Na actualidade os operarios, que forman este grupo de traballo, atópanse en Bugallido pintando o interior da escola de educación infantil de Guimaráns.
O Concello de Ames ten un extensión aproximada de 79,60 quilómetros cadrados e conta con 116 núcleos de poboación repartidos en 11 parroquias. Dentro das entidades de poboación as máis importantes son os núcleos de Bertamiráns, na parroquia de Ortoño, e do Milladoiro, na parroquia de Biduído. Tanto nos núcleos rurais como nas localidades urbanas existen unha gran cantidade de espazos públicos nos que é preciso realizar periodicamente traballos de mantemento, reparación e mellora.
É por iso que dende a Concellaría de Vías, Obras, Parques e Xardíns préstaselle unha especial atención ao mantemento dos espazos públicos e da rede viaria municipal. Para executar estes traballos a Administración local conta, dende o pasado 1 de agosto, cunha nova brigada que se está encargando de arranxar e mellorar as instalacións dos espazos públicos municipais, así como as beirarrúas e a sinalización das estradas municipais. Este grupo de traballo encádrase dentro da Concellaría de Vías, Obras, Parques e Xardíns.
Normalmente, a brigada municipal de obras é a encargada de levar a cabo estas actuacións. Pero debido ao reducido número de efectivos dos que dispón non é posible levar a cabo un adecuado mantemento preventivo dos espazos públicos do concello, polo que normalmente as actividades céntranse nun mantemento correctivo e orientado a manter a seguridade e salubridade dos mesmos. A contratación destes traballadores dedicados ao mantemento destes espazos públicos reforzou a capacidade operativa da plantilla municipal, que se traduce nunha mellora xeral do estado dos devanditos espazos públicos.
Plan de traballo específico
A nova brigada está desenvolvendo un plan de traballo específico. As actuacións que realiza esta brigada comprenden o mantemento preventivo, reparación e mellora dos espazos públicos municipais, tanto dos núcleos rurais como dos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. Os traballos centráranse principalmente na mellora dos parques infantís, prazas públicas, beirarrúas e zonas de lecer do rural, tales como os campos da festa.
O Concello de Ames conta na actualidade con 25 parques infantís, dos que dous son de recente creación e os 23 restantes foron obxecto dunha intervención integral no ano 2006. Nestes 23 parques tan só se levaron a cabo pequenas reparacións que foron necesarias para manter a seguridade dos mesmos e labores de limpeza. Polo tanto, na actualidade é necesaria a realización de actuacións de mantemento tales como a retirada de herbas nos pavimentos de area; pintar a zona dos xogos infantís e o valado do peche dos mesmos; perfilado de camiños públicos do seu contorno e pintar o mobiliario urbano.
En canto ás prazas públicas, campos da festa e beirarrúas os traballos que se realizarán serán o pintado e reparación do mobiliario urbano, a reparación do pavimento en zonas nas que se atope deteriorado e o pintado de bordos.
Durante as primeiras semanas do mes de agosto, os carpinteiros e pintores estiveron reparando e pintando os bancos e a pérgola que se atopan na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Na actualidade, tres dos operarios que forman este grupo de traballo atópanse en Bugallido pintando o interior da escola de educación infantil de Guimaráns.
A nova brigada foi contratada a través dunha subvención solicitada á Consellaría de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia. A subvención, cuxo montante é de 86.259,60 euros, sufragará a contía dos salarios dos sete operarios. Esta axuda foi concedida a través do Programa de Cooperación das entidades locais para a contratación de traballadores desempregados. Os sete traballadores foron elixidos entre os propostos a Ames polo Servizo Galego de Contratación. A duración dos contratos dos sete operarios que forman esta brigada é de seis meses. Vai dende o 1 de agosto de 2011 ata o 31 de xaneiro de 2012.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames organiza una brigada para mantener foros públicos"
La Voz de Galicia: "Una brigada financiada por la Xunta pondrá a punto los parques infantiles"




