[01-07-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Educación, Luísa Feijóo, achegáronse esta mañá ata o CEIP A Maía, situado en Bertamiráns, e ao pavillón do Milladoiro para comprobar que o programa da Escola de Verán comezase correctamente. Este servizo municipal, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, divídese en quincenas. Durante a primeira quincena de xullo participarán 97 rapaces e rapazas en Bertamiráns e 120 no Milladoiro. A empresa adxudicataria deste servizo é Agora Aberta, coa que se asinou o contrato este pasado martes 30 de xuño.
A Escola de Verán desenvólvese en Bertamiráns e no Milladoiro de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto). Durante o mes de xullo, a Escola de Verán contará con 235 usuarios/as no Milladoiro e 182 en Bertamiráns, mentres que en agosto haberá 104 no Milladoiro e 82 en Bertamiráns.
Un xeito diferente de pasar o verán. Ese é o obxectivo deste servizo que pretende ser unha alternativa para que os nenos/os pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. A Escola de verán está dirixida aos nenos e nenas que cursaron segundo ciclo de infantil e educación primaria. En Bertamiráns, as actividades serán para todos os rapaces e durante todos os horarios no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, no pavillón e na Casa da Cultura desta localidade.
Na Escola de Verán ofrécese o servizo Bos Días que se desenvolve ata as 9:00 horas, podendo o usuario/a escoller entre as modalidades con ou sen almorzo. De seguido, entre as 9:00 e as 14:30 horas, desenvólvense as actividades de lecer e educativas propias do servizo. Despois, os rapaces que non teñen solicitado o servizo de comedor son recollidos por seus pais ás 14:30h, mentres que os que xantan na Escola de Verán rematan as 16:00 horas.
Para un desenvolvemento correcto das actividades os rapaces e rapazas están divididos en dous grupos (infantil e primaria). Durante a primeira quincena de xullo os usuarios deste servizo participarán en dinámicas de presentación e de acollida para irse coñecendo entre eles para coñecer aos monitores/as. Ademais, a través de diferentes xogos traballarase a educación emocional dos nenos/as, así como participarán en xogos en inglés un día á semana. Os rapaces e rapazas de primaria acudirán un día a semana á piscina, mentres que os de infantil participarán en xogos de auga. Tamén coñecerán a historia de Ames a través de diferentes obradoiros.
Páxina web informativa da Escola de Verán
A empresa adxudicataria deste programa municipal, Agora Aberta, ofrece un servizo de información a través da rede. Os pais e nais con fillos/as inscritos neste servizo poderán acceder a páxina web www.agoraaberta.es/escoladeveran para ver a programación de actividades que se van a realizar na Escola de Verán. Ademais, dentro deste sitio web existe un blog coas actividades que se van facendo, o material que se empregou, etc. Por último, os pais e nais poderán acceder a diferentes fotos e vídeos das actividades. Para iso daráselle unha contrasinal co obxectivo de que poidan acceder ás fotos e vídeos de xeito individual. Para acceder a está páxina web hai que premer nun banner que se atopa na cabeceira da web municipal.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Abre la Escola de Verán en Milladoiro y Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Los planes de conciliación superan los 600 usuarios en la comarca"




