[03-11-2018] Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ames, a través da concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, pon en marcha unha nova edición do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual no ámbito escolar. Así, nesta iniciativa participa o alumnado que está a cursar entre sexto de primaria e cuarto da ESO nas escolas de Barouta, A Maia, Agro do Muiño, Ventin, IES Milladoiro e IES Bertamiráns. Durante o curso escolar 2018/19, participarán nesta iniciativa un total de 925 alumnos, divididos en 37 grupos, aos que se lle dedicará arredor de 185 horas de intervención nas aulas. Así, o programa non só consta de entre catro e seis sesións con cada clase, senón tamén de 12 reunións coas familias e outras 12 destinadas aos docentes.
Seguindo co programa posto en marcha nos centros escolares de titularidade pública de Ames no curso 2016/2017, un ano máis a concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade impulsa e financia unha nova edición do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual nos centros educativos do concello. Para este curso 2018/19 xa hai programadas arredor de 185 horas de intervención co alumnado dos centros educativos, divididas en varias sesións con cada un dos 37 grupos, que irán ampliándose e adaptándose en función das necesidades de cada centro.
O programa establece uns obxectivos xerais orientados a reducir os factores de risco e potenciar os factores de prevención, proporcionándolle ao alumnado a adquisición de capacidades e habilidades que lles permitan desenvolver estilos de vida saudables e afrontar adecuadamente as posibles situacións de perigo relacionadas ou non directamente con posibles adicións que poidan ir aparecendo o longo do seu desenvolvemento. Tamén se traballa para aumentar as capacidades e habilidades persoais de resistencia a oferta de sustancias promovendo o desenvolvemento de recursos propios que faciliten actitudes e condutas de rexeitamento ao consumo ou, si se da, atrasándoo o maior tempo posible. Deste xeito, buscase reducir a percepción do consumo de drogas e alcohol como algo “normal” ao tempo que se promoven condutas e hábitos de vida saudables.
No tocante ao bloque de educación afectivo sexual, as sesións van encamiñadas a formar a persoas responsables capaces de comprender a sexualidade como un aspecto máis na vida dunha persoa, entendendo a faceta sexual como un proceso básico na vida e no desenrolo san das persoas. Así, o obxectivo é ir máis alá do feito de informar sobre métodos anticonceptivos, masturbación ou enfermidades de transmisión sexual, para que os rapaces entendan aspectos como o desexo, a autoestima, as emocións, a responsabilidade ou o autocoidado.
Así, búscase que o plantexamento deste programa sexa totalmente participativo. A través de diferentes dinámicas, o alumnado pode ir aportando e desenvolvendo a información e recursos do ciclo. A través de técnicas de traballo grupal como dramatizacións, enquisas, análise da publicidade ou debates, os alumnos e alumnas participan de maneira colectiva na construción dos contidos, que se adaptan á idade e as necesidades de cada grupo e centro. Tamén se realizan actividades individuais e exercicios na casa, co obxectivo de compartilos cos pais/nais/titores, o que favorece a achega do tema dende o centro a casa e viceversa.
Por outra banda, o programa tamén contempla a realización de 12 sesións formativas cos docentes e outras 12 coas familias, tanto antes como despois dos ciclos destinados ao alumnado. A través deste traballo co profesorado e as familias preténdese alcanzar uns obxectivos específicos, que consisten en dotalos de ferramentas educativas que favorezan o desenrolo saudable dos menores e melloren as relacións familiares, así como facilitar a participación activa dos profesionais do ámbito escolar como axentes preventivos, formándoos e capacitándoos para elo.
Ao remate deste programa, analizaranse os resultados derivados das distintas sesións, que se farán chegar aos centros de Barouta, A Maia, Agro do Muiño, Ventin, IES Milladoiro e IES Bertamiráns. Estas conclusións irán acompañadas dunha serie de recomendacións particulares dos aspectos que puidesen ter relevancia para ter en conta en cada un dos centros. Ao abeiro deste programa, dende o curso 2016/2017 participaron 84 grupos de escolares, o que suma un total de 2100 alumnos e alumnas, aos que se destinaron arredor dunhas 420 horas de intervención directa nas aulas.




