Pestanas principais

A comedia xabonosa Os fabulosos Cleaners chega este venres a Ames coa vontade de facer rir a toda a familia

Mércores, 04 de abril de 2018

[04-04-2018] A programación teatral do Concello de Ames prosegue este venres, 6 de abril, coa representación da obra de teatro infantil “Os fabulosos Cleaners”. Dirixida a familias con crianzas maiores de tres anos, a peza ten como protagonistas a dous operarios da limpeza dun teatro que, un día, descobren as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo ao seren combinadas con auga e xabón. A obra, que está protagonizada polos actores Xoque Carbajal e Jouse García, ofrécenos deste xeito un mundo máxico, cheo de cor, de humor e de pompas de xabón. A representación da peza terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden mercar anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

“Os fabulosos Cleaners” é un espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos, unha experiencia visual na que pode participar toda a familia. O seu autor e responsable técnico é o alacantino Luis Beviá, quen percorreu medio mundo co seu universo xabonoso, desde Londres a Hong-Kong pasando por México, Colombia, Perú, Cuba, Grecia e Islandia, entre outras latitudes.

O elenco está conformado por Xoque Carbajal e Jouse García, os cales interpretan a dous operarios da limpeza dun teatro que, por casualidade, descobren as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. Un descubrimento que os fará emprender, conxuntamente co público, unha excitante viaxe a través de pompas e burbullas. 

Non cabe dúbida de que as persoas asistentes se deixarán sorprender, gozando con estas máxicas creacións que encherán o patio de butacas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas e grandes, estáticas ou voadoras. As nenas e os nenos, acompañados das súas familias, non poderán evitar camiñar da man destes personaxes por un mundo cheo de maxia, cor e humor.

A obra “Os fabulosos Cleaners” será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns, este venres, 6 de abril, ás 18:00 horas. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de catro euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.


Contido relacionado


Ames Go: "Un espectáculo de moita pompa: Os fabulosos cleanners este fin de semana"